Destacados

Músicas de Galicia e Portugal no MUMI

Visitamos a terceira edición de ‘Músicas no Miño’, o encontro profesional de músicos de Galiza e Portugal que se desenvolve ata o bado entre Valença e Tui, co obxectivo de crear unha ponte estable entre o sector musical dos dous países. Conversamos con Ánxela Vila, da organización do MUMI, co pianista galego de jazz Xan Campos e co grupo pop portugués Birds are Indie. 

Segunda edición dos Premios Mulleres no Foco

A iniciativa recoñece o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais

Segunda edición do Festival de Filosofía de Galicia

Santiago e Ourense acollen do 30 de setembro ao 2 de outubro a segunda edición do Festival de Filosofía de Galicia. Un encontro que mestura mesas de debate e varios espectáculos escénicos para convidar o público a pensar, e que neta edición vai destacar as achegas das mulleres á historia da Filosofía. Conversamos con Carme Adán, directora do festival, e coa filósofa Concha Roldán, unha das participantes. 

Sensoxenoma 22: pode a música sanarnos?

Coñecemos este novidoso proxecto de investigación que une música e ciencia co obxectivo de buscar novas terapias para enfermidades como Alzheimer ou a parálise cerebral. O Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia únense este venres 30 de setembro nun concerto no que se recollerán mostras biolóxicas do público, para coñecer como os estímulos musicais inflúen no ADN.Preséntannos este proxecto pioneiro o investigador Antonio Salas Ellacuriaga e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte. 

Roda o balón nos teatros galegos

O próximo partido da temporada non se xoga en ningún estadio nin campo de terra. Xógase nos teatros. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ é a nova produción do Centro Dramático Galego e Ainé, dirixida por Tito Asorey e baseada nunha investigación de Nacho Carretero. O xornalista, que moi pronto publicará o libro, afonda aquí nas luces e nas sombras do fútbol e o seu negocio. No que pasa no campo, pero tamén nos palcos dos grandes estadios.

A estrea é no Salón Teatro de Santiago, onde estará ata o 23 de outubro, para entón comezar unha xira polos mellores teatros, ou campos, de Galicia ata febreiro. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ é unha obra sobre fútbol pero non só. Carretero e o actor Christian Escuredo pasaron polo Diario cultural e aseguran que fará saltar da cadeira os afeccionados e non tanto.

 

 

A escritora María Rosa Lojo ingresa na Real Academia Galega

A nova académica de honra, unha das figuras máis recoñecidas das letras arxentinas contemporáneas, titulo o seu discurso Unha galega filla en Buenos Aires.

Así nacen as ilustracións de Xosé Tomás

 

Visitamos o estudio do ilustrador Xosé Tomás, que acabar de publicar unha nova entrega da súa serie Animalia. En ‘Animalia 4. Gris‘ os protagonistas son os animais cos que convivimos nos hábitats urbanos. 

 

 

Nace o colectivo fotográfico OLLO

Un grupo de fotoxornalistas galegos acaban de unirse baixo o nome de colectivo Ollo Photo para contar Galicia a través de imaxes. Son Óscar Corral, Paula Quiroga, Vanessa Casteleiro, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Óscar Pinal e Adra Pallón. Pero tamén xestores culturais como Sara García e Daniel Lázare e unha editora, Sabela Eiriz. Todo para contar historias a través da imaxe e chegar máis alá dos medios tradicionais. 

Xa se estrearon cunha reportaxe sobre os lumes na Revista 5W, e proximamente veremos máis pezas nos medios asinadas polo Colectivo Ollo Photo.

 

 

 

 

 

Comeza o ‘Desembarco Chévere’

Chévere fai 35 anos e celébrao este outono cun ‘desembarco’ que inclúe actuacións, exposicións e libros sobre a historia da compañía, premio Nacional de teatro en 2014. As celebracións comezan no Liceo de Noia, con dúas Ultranoites, o cabaré satírico sobre a actualidade que Chévere recuperan tras catro anos de ausencia. Conversamos con tres dos integrantes da compañía, Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira. 

Un percorrido polos cen anos de edición moderna en Galicia

A Asociación Galega de Editoras organiza o XIX Simposio O libro e a lectura, que este ano fai un percorrido pola historia da edición moderna en Galicia. Henrique Alvarellos, presidente da entidade, fálanos do evento, e Encarna Otero, dános un par de pinceladas máis acerca de figuras como Ánxel Casal ou María Miramontes.

Pin It on Pinterest