Destacados

Nobel de Literatura para a francesa Annie Ernaux

Coñecemos a literatura de Annie Ernaux coa escritora Berta Dávila, a libreira Mercedes Corbillón e o editor Moisés Barcia, que en xaneiro publicará a primeira tradución da escritora francesa ao galego.

Fuxan os Ventos celebra 50 aniversario

O grupo recibe o galardón honorífico na Gala dos Premios Martin Códax da Música

Galicreques reivindica os monicreques para público adulto

A 27ª edición do festival Galicreques vai estrear o selo específico ‘Cara Bé’ para as obras destinadas ao público adulto, por canto este tipo de teatro pode interpelar a espectadores de todas as idades. Entre este sábado e o 16 de outubro Galicreques acolle en Santiago 60 funcións de compañías chegadas de  Arxentina, Portugal, Turquía, Brasil ou Italia e unha panorámica da creación de marionetas en Galicia.

Ton Van Vliet, o fotógrafo que retratou Agolada co corazón

Ton Van Vliet naceu nos Países Baixos e chegou a Galicia de vacacións cun amigo nos anos 80. En realidade el quería ir a Escocia, pero o amigo tiraba máis para España, e acordaron que o punto intermedio entre os dous países era Galicia. Así foi parar, por casualidade, a Agolada. Primeiro foron dous meses, agora xa é unha terra e unha xente á que leva no corazón e á que visita sempre que pode.

Con esa emoción, estivo hoxe no Diario Cultural presentando o seu libro, ‘O pálpito interior’, editado polo tamén fotógrafo Eutropio Rodríguez para aCentral Folque. Eutropio chegou a través das redes ás imaxes de Ton, e soubo que tiña que facer un libro.

Agora ‘O pálpito interior’ preséntase na primeira edición do festival Cámara Escura de fotografía e literatura. O 6 en Compostela, o 7 na Golada e o 8 en Mondoñedo.

A identidade na paisaxe

O curso ‘A configuración da paisaxe fílmica galega: da luz á memoria’ analiza a construción cinematográfica da paisaxe galega

Tres Premios da Cultura Galega

Conversamos con tres das persoas recoñecidas cos premios da Cultura Galega 2022: a actriz Melania Cruz, galardoada na categoría de artes escénicas; a escritora Marica Campo, premiada no ámbito das letras e mais Quique Peón, director da asociación cultural Xacarandaina, recoñecida polo seu labor na modalidade de patrimonio cultural.

Reencontros coa familia en Super 8

O MOCA, o Museo Online de Cine Autobiográfico, animábanos no verán de 2021 a remexer nos faiados das nosas casas na procura de vellas gravacións familiares. Con ese material, presentan agora a colección Reencontros, protagonizada por historias da emigración.

Pablo Gómez Sala é o director do Moca e un dos encargados de dar sentido a esas horas de gravacións e metros de cinta dos anos 50 ou 60 que chegan ás súas mans. Gravacións do día a día, sen maiores pretensións, que contan tamén parte da Historia con maiúsculas.

 


 

 

 

Miguel Vázquez Freire publica O moucho voa. Filosofía en 28 conversas

Escritor e licenciado en Filosofía, Miguel Vázquez estrea unha aproximación a esta disciplina desde a realidade máis próxima

Honky Tonk, 25 anos de vinilo en Vigo

 

Vituco Neira lévanos á tenda de discos Honky Tonk, que abriu as portas na viguesa rúa da Falperra en 1997. Levan vintecinco anos apostando polo vinilo, un formato ao que se manteñen fieis moitos melómanos e ao que se incorpora tamén xente nova. 

 

Unha década fotografando os incendios

O fotógrafo avilés que viviu e traballou en Galicia nos anos da xeración Nós, Luis Casado, pon nome aos premios de creación fotográfica que promove a Deputación da Coruña cada ano, comisariados por Xurxo Lobato. Os actos desta 16ª edición comezaron en Santiago coa presentación de ‘Lume’, a serie gañadora.

Detrás da cámara, o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo. Un fotógrafo comprometido coa terra, coa xente e co oficio, que leva máis de 10 anos retratando os incendios da provincia de Ourense. As súas imaxes poderanse ver ata o 6 de novembro no Museo do Pobo Galego, e logo en itinerancia por outras vilas e cidades de Galicia.

As actividades do Premio Ksado pasan tamén por Muros, cun recordo aos fotógrafos Juan Malvárez e Perpetua Malvárez, pai e filla. E o resto da semana pola Coruña, onde estarán impartindo dúas clases maxistrais o fotoxornalista, premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e a editora da Axencia Europea de Prensa, Maria Mann.

Pin It on Pinterest