Destacados

Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática por ‘As alumnas’

Paula Carballeira foi galardoada co premio Nacional de Literatura Dramática que concede o Ministerio de Cultura, pola obra ‘As alumnas’. O xurado valorou o texto como “un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate”. Conversamos coa escritora fenese sobre esta obra protagonizada por dúas ex alumnas de María Barbeito, a mestra republicana represaliada polo franquismo. ‘As alumnas’ está publicada na Editorial Galaxia e fora unha encarga da produtora Culturactiva, que a levou aos escenarios en 2022. 

BD de verán: cómics sobre fútbol

Pío Barreiro conclúe as súas recomendacións estivais de banda deseñada con varios cómics que falan de fútbol e tamén da realidade social. Temporada de rosas, da francesa Chloé Wary, sobre unha adolescente que xoga ao fútbol; Una pequeña mentira, de Mario Torrecilla e Artur Laperla, sobre un neno que mente a seu pai alcólico dicíndolle que foi seleccionado polo Arsenal e mais Irene, a porteira, a BD de Xulia Pisón e Óscar Losada sobre a pioneira coruñesa do fútbol Irene González Basanta.

Así selecciona o CDG o elenco da próxima montaxe

Asistimos ás audicións coas que o Centro Dramático Galego escolle os 20 intérpretes do espectáculo que estreará en 2024. Tamara Canosa será a directora da montaxe, que explorará o formato dos talent shows televisivos e formará parte da celebración do cuadraxésimo aniversario da compañía teatral pública.

‘O espazo entre as cousas’, unha exposición que homenaxea a figura de Juan Carlos Meana

O edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle dende o 3 de agosto esta mostra que pon en valor a obra de Meana, artista e profesor do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo que falecía a comezos de ano. Residiu en Galicia dende 1993 e foi decano do centro entre 2010 e 2015. Conversamos con Alberto Ruiz de Samaniego, comisario desta exposición que reúne máis de 30 pezas do artista.

Mondra e primeiros festivais de setembro

Carlos Crespo avánzanos en primicia outra das cancións que formarán parte do primeiro disco de Mondra e guíanos entre os primeiros festivais de setembro: Festival da poesía do Condado, Osa do Mar ou Meninas de Canido. 

Aníbal C. Malvar: “Só a novela negra servía para buscar o noso propio asasino”

A editorial Galaxia recupera ‘Un home que xaceu aquí’, a primeira novela do xornalista Aníbal C. Malvar, publicada orixinalmente por Sotelo Blanco en 1993. A intriga da desaparición dun mecanoscrito sérvelle ao escritor para denunciar silencios e mentiras do noso pasado e para retratar acidamente os ambientes culturais composteláns. Un home que xaceu aquí foi a primeira das catro novelas negras nas que Malvar retratou a Galicia dos 90 e abriu novos camiños para este xénero na nosa literatura.

A Inchadiña Branca Vela celebra a súa décima edición

A Fundación Rosalía de Castro e a Asociación Cultural Dorna da Arousa son as encargadas de poñer en marcha esta décima edición da Inchadiña Branca Vela. Será este sábado 2 de setembro cando máis de trinta embarcacións chegadas das diferentes rías galegas farán o percorrido polo Ulla e o Sar que remata no Espolón de Padrón. Todo para homenaxear a figura de Rosalía de Castro. Puidemos conversar con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Héctor Suárez, director da Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa de Arousa.

Á barxoleta: a historia do ratiño Alfredo

Sole Felloza ponlle o ramo a este espazo que pasamos á barxoleta os martes do mes de agosto. Hoxe, con outra historia sobre a necesidade de combinar sabiamente o traballo e a folganza. 

XIII Encontro de Artistas Novos

A Cidade da Cultura acolle a décimo terceira edición do Encontro de Artistas Novos, un foro de diálogo e intercambio artístico entre creadores, este ano coa participación de nomes consagrados do ámbito da fotografía como Alberto García-Alix, Vari Caramés, Beatriz Ruibal e Estela de Castro. Escoitamos a catro dos artistas participantes e a Rafael Doctor, coordinador do Encontro. 

As pezas de tres artesás galegas estarán na XIII Bienal de Artesanía de Cheongju

España é o país convidado nesta XIII Bienal de Artesanía de Cheongju que se celebra en Corea do Sur. Soul Matter é o nome da colección española que estará presente nese punto de encontro mundial do 1 de setembro ao 15 de outubro. Na proposta non falta representación da artesanía galega, que conta con pezas da cesteira Idoia Cuesta, da ceramista Marta Armada e da artesá especializada en escultura téxtil Mercedes Vicente. Conversamos con dúas delas, Idoia Cuesta e Marta Armada.

Pin It on Pinterest