Destacados

Perdémonos entre libros no Día das Librarías

No Día das Librarías falamos con Jósi Corderí, encargada da libraría Aira das Letras de Allariz, quen nos contou como é traballar nun lugar tan fermoso.

“Para recomendar unha obra, comezo a falar coa persoa e penso nas diferentes posibilidades de libros”, explica a encargada, ao que engade que é moi importante ler un gran número de libros para saber o que estás vendendo.

Tamén falamos con Patricia Porto Paderne, responsable da libraría Lila de Lilith. Trátase dun espazo especializado en feminismo, obras non sexistas e escritas por mulleres, pero tamén é un lugar de reunión para organizar actividades culturais.

Ambas encargadas coincidiron en que unha librería non é soamente un local de venda de libros, senón que vai moito máis alá, converténdose nun espazo para compartir a paixón polos libros e perderse polas súas páxinas.

Entrevista aos galardoados co Premio Meiga Mora de Literatura Infantil e Xuvenil 2018

Falamos con Ánxela Gracián, autora do libro “As voces da auga”, gañador ex aequo do VII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2018.

Tamén contamos no programa con Pere Tobaruela, autor de “Auga e lume”, galardoado co mesmo premio.

Estrea de ‘Invisibles’, unha obra de teatro sobre violencia de xénero

A xornalista e escritora Montse Fajardo publicou ‘Invisibles’, unha compilación de textos con testemuñas da violencia de xénero. Agora este libro, convertido en peza teatral, cobra vida propia. A estrea é este xoves día 15 no Teatro Principal de Pontevedra. As actrices Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez son as encargadas de poñer voz a esta denuncia.

Esta peza representa un problema social de moita urxencia, no que o teatro tamén pode ter un papel esencial para concienciar á sociedade. O elenco realizará funcións para escolares, xa que é importante que este tipo de proxectos actúen na base da problemática e sirvan para educar as persoas do futuro.

Regresa a Biblioteca Vivente ao Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego e Xandobela organizan unha nova edición da Biblioteca Vivente, o lugar onde os libros son persoas dispostas a compartir os seus coñecementos.

A Biblioteca Vivente “Tesouros vellos para xente nova” emprégase para a protección e difusión dos coñecementos de persoas de idade que viviron unha historia de vida significativa, que manteñen un oficio ou un coñecemento determinado e que están abertas a compartilo coas xeracións futuras. As súas historias vivas portan unha parte importante da nosa identidade cultural e pertencen ao noso Patrimonio Cultural Inmaterial. Nesta ocasión, o catálogo está composto por oito Libros Vivos que representan oito historias que xiran arredor da tradición.

A terceira edición da Biblioteca Vivente “Tesouros vellos para xente nova” comeza esta tarde ás 17:30 horas da tarde e está repartida por diferentes espazos do museo.

Música en directo na proxección de ‘O gabinete do doutor Caligari’

O cine mudo con música en directo chega a Cineuropa coa proxección de ‘O gabinete do doutor Caligari’. A Real Filharmonía de Galicia é a encargada de poñer a banda sonora a esta interpretación. Este filme de 1920 é un clásico do cine expresionista alemán, considerada tamén como a primeira película de terror da historia.

Neste Diario Cultural falamos co catedrático de Historia do Cine Luís Hueso, quen define esta peza como “unha xoia e un deleite”. A posta en valor do cine mudo e o seu achegamento ás xeracións máis novas é un dos obxectivos desta iniciativa.

 

 

Chega a Cineuropa a historia de Pedrón, un veciño das Pontes

A historia de Pedrón, un veciño das Pontes, chega hoxe ao Festival Cineuropa, celebrado en Santiago de Compostela.

Trátase dunha peza audiovisual dirixida por Ángel Cordero. A través da figura de Pedrón, o espectador adéntrase na parroquia máis grande da localidade e castigada polo despoboamento.

Comeza a Semana do Cine Submarino en Vigo

Vigo celebra a súa Semana do Cine Submarino coa proxeccións de películas e documentais que mesturan o mundo do mar co audiovisual. O director deste evento, José Luis González, é un grande apaixonado da fotografía submarina e pon en valor a riqueza e a diversidade das Rías Baixas, así como a capacidade investigadora de Galicia.

O director reflexionou nas ondas da Radio Galega sobre a evolución do tempo e as facilidades que brinda a era dixital para aprender, por exemplo, a realizar fotografías do fondo do mar. Aínda así, asegura que aprender a linguaxe submarina e os comportamentos animais significa acceder a contidos divulgativos e investigacións realizadas por expertos que van moito máis máis alá dos dispoñibles en Internet.

Nesta edición de ‘Diario Cultural’ tamén nos despedimos de Stan Lee, creador do universo Marvel. A el debémoslle o nacemento de heroes que cambiaron a cultura e seguen vivos no mundo do cine, dos libros e dos videoxogos.

 

Seminario Permanente de Comunicación e Xénero en Compostela

Hoxe desenvolveuse na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela a primeira sesión do Seminario Permanente de Comunicación e Xénero. O encontro foi organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais e estivo dirixido pola catedrática de Ciencias da Comunicación e Publicidade da USC Margarita Ledo Andión.

O seminario busca ser un foco permanente de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade, con especial atención na visibilización informativa e cinematográfica da identidade de xénero.

María Reimóndez publica ‘O xeito das froitas’

A escritora María Reimóndez publica ‘O xeito das froitas’, unha obra con ilustracións de Alicia Varela dirixida aos máis pequenos da casa. Este libro reflexiona sobre quen somos e as reaccións ante o diferente. “Ser quen somos non debería ser un acto de rebeldía, pero por desgraza é unha realidade para moitas persoas”, explica María Reimóndez, quen considera a literatura como un mecanismo para intervir socialmente contra os patróns que a sociedade vende como “normais”.

Outro dos temas presentes nesta obra é o concepto de pobreza, como afrontan os máis pequenos o feito de non ter cartos para comprar o material escolar? Cal é a reacción dos compañeiros de clase? Os prexuízos entre o rural e o urbano aparecen tamén nesta libro de María Reimóndez, quen consegue abrir os ollos do lector ante unha realidade que vive moi preto de nós.

Unha falcatrueira e un micro: Nurial Vil

Unha falcatrueira e un micro. Poesía oral en directo na Radio Galega. Recital de Nuria Vil.

Pin It on Pinterest