Destacados

“Con el viento” proxéctase en Numax

O filme “Con el viento”, dirixido por Meritxell Colell Aparicio, gañadora da Biznaga de Prata ao Mellor Filme da Competición Zonazine no Festival de Málaga 2018, proxéctase no Numax.

A película narra a historia de Mónica, unha bailarina que se ve obrigada a volver á casa por un problema familiar e se refuxia dos problemas na danza.

Úrsula Heinze publica ‘Delirios de pracer’

Úrsula Heinze rompe cos tabús e publica ‘Delirios de pracer’, unha novela que fala da sexualidade na terceira idade. Neste Diario Cultural falamos de literatura e pracer a través da mirada de Sara, a protagonista deste libro.

“As persoas non perden a súa sexualidade ao cumprir anos”, asegura Úrsula Heinze. Naturalidade e realidade son os valores que están presentes nunha obra que busca dialogar con todas as persoas maiores para empatizar con elas e, ademais, falar sobre un tema silenciado na sociedade.

A escritora Úrsula Heinze demostra unha vez máis que se atreve a falar do que ninguén fala. Os últimos libros de Heinze falaban da depresión dende a ficción e dende o ensaio en primeira persoa.

As obleas de Lucía Aldao puxeron a ‘comungar coa poesía galega’ ao público de Culturgal

Relatamos unha das presentacións máis singulares da feira e percorremos os stands á procura da visión de media ducia de editoras sobre a campaña de novidades que xera a feira das industrias culturais.

Manuel Portas: “É un divertimento. Foi a obra que menos tensións me produciu ao escribila”

O escritor e profesor Manuel Portas gaña o Premio de novela Blanco Amor coa obra ‘Por puntos’. O certame da Deputación de Ourense e a Fundación Blanco Amor está dotado con 15 mil euros e entregase esta tarde no 39 aniversario do falecemento do autor de “A Esmorga”.

Menchu Lamas ingresa na Real Academia de Belas Artes

Carmen Lamas, máis coñecida por Menchu Lamas, ingresa este sábado día 1 de decembro na Real Academia de Belas Artes. Será a quinta muller en acceder a un posto na institución.

Comeza Culturgal, a gran cita da cultura en Galicia

Comeza Culturgal, a gran feira da cultura galega, na que se reúnen os representantes do mundo da música, a ciencia, a literatura, o teatro, a arte ou a ciencia.

Neste Diario Cultural viaxamos ata o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde a música de Carlos Nuñez e as letras de Manuel Rivas convértense nun dos protagonistas desta fin de semana.

Este venres día 30, a ciencia chega da man do CSIC coa actividade interactiva ‘Microbios ao teu redor’. Os participantes descubrirán onde se atopan os microorganismos na nosa vida cotiá, xa sexa nos alimentos, nas superficies ou nos cepillos de dentes.

O Centro PEM de Galicia entrega hoxe os XII Premios Rosalía de Castro

O Centro PEM de Galicia entrega os XII Premios Rosalía de Castro a Carmen Boullosa, Nuno Júdice, Sergi Belbel e Harkaitz Cano. O acto será hoxe ás 20:30 na Sala Eisenman, na Cidade da Cultura.

Falamos no programa con Xabier Castro, director do PEN en Galicia, e con Carmen Boullosa, galardoada no certame.

A microbióloga Alicia Estévez Toranzo recibe o premio Wonenburger 2018

A microbióloga Alicia Estévez Toranzo recibe o premio Wonenburger 2018, un recoñecemento a unha gran traxectoria profesional na que hai un gran número de artigos científicos publicados, investigacións, proxectos e patentes.

Neste Diario Cultural falamos coa científica sobre acuicultura e patoloxías. Un dos retos que persegue na actualidade é averiguar como influé o cambio climático nos peixes que se crían na piscifactoría. Polo momento, está demostrado que o aumento da temperatura afecta tanto o peixe como os microorganismos.

Alicia Estévez Toranzo denuncia que o problema da conciliación laboral e familiar segue sendo unha cuestión de mulleres, polo que son elas as que seguen sufrindo as inxustas consecuencias de ser nais.

Os estereotipos de xénero son outra das cuestións que máis preocupa á microbióloga. Dende a infancia, é importante educar na igualdade e recordar que todos temos as mesmas capacidades para rachar coa idea de que os homes teñen que estudar carreiras como enxeñaría ou informática, mentres que as mulleres están máis preparadas para carreiras vinculadas cos coidados ou as humanidades.

“Morris” recibe o Premio Cineuropa no Teatro Principal de Santiago

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle hoxe a entrega do Premio Cineuropa ao actor Antonio Durán “Morris”, no acto de clausura do festival. Tamén se anunciará o Palmarés do Xurado Novo e farase entrega do Premio de Dereitos Humanos.

Falamos con Xesús Alonso Montero no seu 90 aniversario

Neste Diario Cultural conversamos con Xesús Alonso Montero no seu 90 aniversario. Son 90 anos dedicados ao compromiso coa cultura e coa lingua, nos que foi presidente da Real Academia Galega dende 2013 a 2017, ademais de autor de numerosos estudos sobre lingua e historia da literatura, escritor, poeta e profesor. O mestre das palabras deixou pegada na vida de numerosas persoas e continúa, na actualidade, cambiando o mundo coas súas letras.

O gran Xesús Alonso Montero recorda a súa etapa de docencia, na que cambiou a vida de moitos dos seus alumnos. “Ninguén me ensinou a ser profesor, pero menos a ser profesor durante o franquismo”. Ser mestre na ditadura significa estar en desacordo co réxime, pero intentar facer algo en contra da ditadura, asegura o gran Xesús Alonso Montero. Nas súas clases, escritores como Rosalía de Castro, Castelao ou Machado convertíanse na mellor forma de loitar por un mundo diferente.

A sensación de medo sempre estaba ao seu carón. Medo a que algún daqueles alumnos, fillos de franquistas, contara na casa que na súa clase lían textos censurados polo réxime. Medo a perder a súa Cátedra de Literatura Española pola que tanto traballara. Un compromiso polo que segue loitando na actualidade.

Pin It on Pinterest