Destacados

Eli Ríos publica a novela ‘DX’

Eli Ríos publica a novela ‘DX’, unha historia futurista ambientada na cidade da Coruña, na noite de fin de ano na que as badaladas dan a benvida ao 2.030.

Nesta viaxe a través do tempo descubrimos que a cidade herculina convértese nunha potencia na investigación biomédica. A escritora foxe da realidade actual, na que a industria téxtil e as luces de Nadal son os protagonistas da vida ao carón de Riazor.

Os lectores non atopan nesta novela ningunha referencia ao xénero dos protagonistas, ningún ‘el’ ou ela. A escritora pon en valor a importancia das relacións sexuais sanas e consensuadas, xa que a maioría da xuventude adquire condutas agresivas propias da pornografía, nas que prima a desigualdade.

Os escritores “temos a responsabilidade de transmitir valores, darlle unha volta o que pensan as xeracións máis mozas”, explica Eli Ríos, ao que engade: “o amor non pode ser algo agresivo nin violento nin negativo”.

Percorremos a historia da Banda Municipal de Santiago con Beatriz Cancela

A Banda Municipal de Música de Santiago pecha as actividades dun ano intenso, no seu 170 aniversario, coa presentación en concerto do disco ‘A nosa música’, xunto a Treixadura e Cantigas e Aragimos. Percorremos a súa historia coa musicóloga Beatriz Cancela.

Antonio Fraga recibe o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

“O bestiario científico de Anxos Nogueirosa”, de Antonio M. Fraga, acaba de ser galardoado co I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil que publica Urco Editora.

O espectáculo ‘Movem Arcos’ chega á Casa de Rosalía

Leo i Arremecághona e Isaac Xubín estrean o espectáculo “Movem Arcos” este venres día 14 na Casa de Rosalía. Unha unión de diferentes formas culturais para crear un proxecto anovador no que se produce unha fusión entre a música e a poesía.

“O que facemos é mover os marcos das linguas, da música e da poesía para multiplicar por dez a mensaxe”, asegura Leo no Diario Cultural. Leo e Isaac levarán os ospectadores por un percorrido que, de seguro, sorprenderá.

O escenario non é casual, xa que os Rolling Stones e a ‘Negra Sombra’ de Rosalía de Castro tamén aparecerán neste espectáculo. Formas artísticas moi diferentes que, ao xuntarse, crean pezas nunca antes imaxinadas.

CGAC acolle a mostra “Mirada País. Videocreación”

O CGAC acolle hoxe ás 19:00 horas a segunda sesión da mostra “Mirada País. Videocreación”. Unha construción da imaxe videográfica de Galicia dende os anos 80 do século XX ata hoxe.

O ciclo “Mirada País” recolle pezas de máis de trinta artistas galegos para poñer en valor a potencialidade da creación audiovisual galega.

Mozart e Coldplay: pezas de arte de diferentes épocas

A Orquestra Vigo 430 aposta por un proxecto anovador no que mesturan a música clásica coa música actual de bandas como Coldplay, Queen ou Pink Floyd. Este venres día 14 actúan no Teatro AFundación de Vigo.

Neste Diario Cultual falamos con Andrea González, directora artística da formación, que se mostra moi ilusionada con esta iniciativa. “Creo nas sinerxias entre a música clásica e a actual. Este é un proxecto que nos define moi ben”. Tamén conversamos co director da orquesta, Carlos Rodríguez. Ambos coincidiron na importancia de romper as barreiras mentais e sorprender o publico co novo repertorio.

Os dous directores valoran que a maioría dos intérpretes son músicos que se formaron nos conservatorios galegos e que, ademais, a maioría son mulleres. “Este dato representa a realidade en Galicia e supón un gran progreso respecto ao noso pasado musical, no que temos moi poucas mulleres músicas”. A música esqueceu os nomes das mulleres ao longo da súa historia, pero esta orquestra loita por encher o baleiro.

O nome da orquestra ‘430’ fai referencia a un sistema de afinación clásico. No mundo musical enténdese como sinónimo de perfección, unha utopía cara á que sempre camiña esta formación musical.

Preséntase o libro-disco “A Estrada da Vida”

Falamos dun traballo que mestura a poesía do escritor e mestre Xosé Luna, musicada por Manoele de Felisa. Contén catorce temas moi persoais, cun marcado ton biográfico que se recollen nun libro-disco que se presentou onte no Teatro Principal de A Estrada.

Cando a música é accesible para todos

O acceso á música é un dereito de todas as persoas. Con esta premisa nace a iniciativa Concertos Necesarios, da man de Xacobe Martínez Antelo Trío. Este grupo vai realizar unha serie de concertos en diferentes centros socio-sanitarios para que a música e o jazz chegue a todas as persoas. O primeiro deles é este mércores día 12 no Hospital de Conxo, en Santiago de Compostela.

“A min a música sálvame a diario”, conta Xacobe Martínez, ao que engade: “nós cremos no que facemos e queremos contaxiar esta paixón a todo o mundo’. Por iso, ao descurir que había algúns músicos entre os pacientes, decidiron colaborar con eles neste concerto. A emoción e a ilusión estiveron presentes dende o primeiro ensaio.

Tamén falamos con María Pais, terapeuta ocupacional no hospital de Conxo, para coñecer de preto como foron os preparativos do concerto. A experta asegura que a música é esencial como terapia non soamente de forma ocasional, senón como parte da vida cotiá dos pacientes.

Chega á Coruña unha mostra sobre o papel histórico dos coros galegos

Preséntase na Coruña a exposición “Son de Galicia”, unha mostra sobre o papel histórico dos color galegos.

Podcast Diario Cultural 17:30

“Son de Galicia” preséntase na Coruña. Trátase dunha mostra sobre o papel histórico dos coros galegos.

Ademais, a nosa colaboradora experta en poesía, Alba Cid, fálanos sobre o primeiro libro individual da artista e poeta Lucía Aldao.

Pin It on Pinterest