Destacados

DJ Mil animará a noite de fin de ano na Praza de Cervantes de Compostela

“Phonorama” amenizará a noite de fin de ano na Praza de Cervantes en Santiago de Compostela desde a 01:00 da madrugada. Falamos con DJ Mil para que nos conte un pouco máis sobre a actuación e a súa carreira.

Rosalía de Castro, protagonista do premio nacional de ensaio

Hoxe viaxamos no tempo ata o 24 de febreiro de 1837, data na que nace a gran Rosalía de Castro. A obra ‘Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863)’ de María Xesús Lama e publicada pola Editorial Galaxia vén de recibir o galardón do Premio Nacional de Ensaio 2018, un recoñecemento outorgado polo Ministerio de Cultura.

“Ter un premio nacional de ensaio é unha gran noticia para a cultura galega”, conta María Xesús Lama neste espazo cultural. Nas páxinas da súa obra, o lector pode descubrir unha imaxe diferente de Rosalía. “Os lectores amósanse abraiados despois de ler a obra”, asegura a autora.

Recordamos a obra poética de Xela Arias

A Editorial Xerais recolle a obra poética de Xela Arias no volume ‘Poesía reunida (1982-2004)’. Neste espazo cultural falamos con María Xesús Nogueira, responsable da recompilación, quen explica que se trata dun “traballo de anos que responde a unha gran demanda do público por acceder a estes textos”.

O volume inclúe as obras da poeta, dende ‘Denuncia do equilibrio’ ata o seu derradeiro libro, ‘Intempériome’. A creación da poeta afástase da tendencia que dominaba no momento. A súa obra estaba en constante revisión e ruptura, o que deixaba latente certa tensión propia dos anos nos que viviu a escritora.

A recompilación tenta manter “a autenticidade de Xela Arias, que represente como escribía ela”, conta a investigadora María Xesús Nogueira. Coa publicación deste libro, a literatura dá un paso máis para evitar o esquecemento de voces que son fundamentais na cultura galega.

Xiana do Teixeiro presenta en Numax “Todas as mulleres que coñezo”

“Preocupeime moito de pensar cómo se podía articular un discurso que protesta contra o medo que non resultase desarmante”

A cineasta lucense Xiana do Teixeiro presenta no cine Numax o filme “Todas as mulleres que coñezo”. O documental que aborda como nos relacionamos no espazo público e se nel somos libres as mulleres, conta hoxe con dúas sesións nas que a directora estará acompañada dalgunhas das protagonistas, de Nieves Neira, Olalla Caamaño e Beatriz Rodríguez.

A mostra “Eco Visual” chega a Pontevedra

O pasado 15 de decembro inaugurouse a exposición “Eco Visual” na Galería Nemonon de Pontevedra. Falamos con Antón Patiño, autor da exposición.

Germán Díaz e Benxamín Otero publican ‘Trece cancións bonitas’

‘Trece cancións bonitas’ é o novo disco de Germán Díaz e Benxamín Otero. Un traballo que non ten trece pezas, senón catorce. Cancións bonitas construídas con instrumentos mecánicos. Os sons do ovo, o corno inglés ou os asubíos son algúns dos protagonistas.

Pezas moi variadas, pero cunha idea común. “Como músicos tiñamos coincidido moitas veces, así que era inevitable que traballaramos xuntos. Eu admiro moito a Germán, dende sempre”, explica Benxamín.

O resultado desta colaboración son cancións moi especiais baseadas en antigos cancioneiros e mesmo historias persoais que viviron os seus compositores. Pechar os ollos e deixarse levar, así comeza esta viaxe musical.

Dios Ke Te Crew lanza “Silencio”, o adianto do seu novo disco

Dios Ke Te Crew lanza “Silencio”, o adianto do seu novo disco. Falamos con Sockram para saber máis sobre o regreso do grupo de Ordes.

“Éxodos. De Huellas a Radha y Krishina” estréase no CGAI da Coruña

O documental “Éxodos. De Huellas a Radha y Krishina”, producido por Mondotropo e dirixido polo coruñés Paco Cuesta, estréase hoxe ás 19:00 horas no CGAI da Coruña. O traballo é o resultado de máis dun ano seguindo ao músico de jazz Jorge Pardo.

Falamos cos gañadores dos premios de Artesanía de Galicia e de Novela Camiño de Santiago

O Premio de Artesanía de Galicia premia a traxectoria do torneiro Manuel Castro Romero, máis coñecido como Lolo de Severiano. “Eu sempre quixen apreder dos maiores e logo compartir eses coñecementos”, conta o artesán, que leva toda unha vida dedicada a este oficio.

Aínda que Lolo de Severiano está “retirado do seu traballo, pero non da creatividade”, xa que valora a posibilidade de conservar a tradición transmitida de xeración en xeración. “Estou volvendo a deseñar certos modelos tradicionais para adaptalos aos tempos de agora”, explica nas ondas da Radio Galega.

Hoxe falamos de premios. O escritor e xornalista Carlos Meixide vén de recibir o premio de novela Camiño de Santiago coa súa obra ‘Camiños de paixón’, da Editorial Galaxia. Un recoñecemento que nace para fomentar o Camiño de Santiago. Paixóns e historias únicas que xorden entre as pedras do percorrido hasta Compostela. Humor e suspense que atrapan o lector dende a primeira páxina.

O Premio de Artesanía de Galicia premia a traxectoria do torneiro Manuel Castro Romero, máis coñecido como Lolo de Severiano. “Eu sempre quixen apreder dos maiores e logo compartir eses coñecementos”, conta o artesán, que leva toda unha vida adicada a este oficio.

Aínda que Lolo de Severiano está “retirado do seu traballo, pero non da creatividade” porque destaca a importancia de conservar a tradición transmitida de xeración en xeración. “Estou volvendo a deseñar certos modelos tradicionais para adaptalos aos tempos de agora.

Ana Tenorio, Manuel Castro e Cristina Velasco reciben os Premios Artesanía de Galicia

A Fundación Pública Artesanía de Galicia entrega hoxe os Premios Artesanía de Galicia 2018. O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a mellora na labor dos profesionais do sector da artesanía galega e contribuir ó seu desenvolvemento económico e promocional.

O Premio Artesanía de Galicia 2018 foi para Ana Tenorio, do obradoiro de cerámica Witchneeds de Vigo, que recibiu este galardón pola obra “O bosque interior”. O Premio Traxectoria 2018 levouno Manuel Castro Romero por “Lolo de Severiano”. O Premio Bolsa Eloy Gesto 2018 foi para Cristina Velasco Mora, polo obradoiro coruñés “Anaquiños de papel” da Coruña.

Pin It on Pinterest