Neste espazo cultural con Paula Riveiro falamos de teatro, de dúas representacións teatrais desta fin de semana.
Por un lado, a obra ‘Da avaricia, a luxuria e a morte’, unha representación de Teatro do Noroeste feita a partir de textos de Valle- Inclán. Represéntase hoxe e mañá no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 20:30 h.
Un espectáculo teatral que fala dos pecados capitais. Textos escritos noutra época, pero que conectan de forma única coa realidade actual. Un dos temas tratados é a reivindicación da muller e o dereito a decidir sobre o seu propio corpo.
Tres obras de Valle-Inclán que parten da avaricia e a luxuria como un camiño que remata de forma inevitable na morte.
Tamén coñecemos máis sobre ‘Macbeth. O ruido e a furia’, unha adaptación da obra de Shakespeare feita por Estudo Momento. Estréase mañá, venres 25, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Falamos con Iria Ares e Carlos Mejuto, actores e directores do espectáculo.
Unha viaxe á chaira escocesa, unha Escocia que ten moito que ver coa nosa Galicia. Paisaxes compartidas onde medran paixóns e historias únicas creadas polo gran Shakespeare.
Aínda que transcorra o tempo, as paixóns das que falaba Shakespeare non cambian porque “a esencia das paixóns humanas non varía”, contan os directores.
“A ambición desmedida pode levar a pensar que o fin xustifica calquera medio”, engaden. Este será outros dos temas abordados no espectáculo.