Destacados

Álvaro Gago abre unha campaña de micromecenado para gravar a súa próxima curta

O director de cine Álvaro Gago visita o Diario Cultural para falarnos dos seus últimos éxitos e proxectos. O seu nome figura entre os candidatos aos Mestre Mateo con Trote e Matria.

“O montador sente o ritmo interno do filme, escribe con imaxes e tenta chegar ás emocións a través das imaxes montadas. É un puzzle moi grande”, explica Álvaro Gago, ao que engade: “tiñamos todas as imaxes da película nunha parede para ir traballando”.

“O traballo máis difícil é estar cuestionando todo o tempo as túas propias decisións”, asegura o director nas ondas da Radio Galega.

Álvaro Gago comezará a rodar en Vigo a súa próxima curtametraxe, O 16 de decembro. O director pon en marcha unha campaña de micromecenado para gravar este proxecto.

Nova York celebra unha xornada sobre migración galega

Galicia é terra de migrantes, dos que chegan e dos que marchan. Viaxes cara novas cidades e novas vidas que se enchen de morriña.

Esta sábado inaugúrase en Nova York unha exposición de fotografías de Alberto Martí sobre a migración galega. Neste espazo cultural falamos co profesor Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega.

“Temos que potenciar a presenza exterior da cultura galega”, explica o profesor. “O Camiño de Santiago e as migracións son puntos chave da nosa proxección”, engade.

‘Trinta lumes’ é a primeira longametraxe da montadora e realizadora Diana Toucedo

Trátase dunha película que navega polo océanos da maxia e do misterio co Courel como atmosfera protagonista.

Cal é a relación entre o centeo e o LSD?

Os galegos máis maiores recordan recoller e vender dentón, un fungo que nace no centeo. Trátase dun produto con características moi especiais.

A produtora Illa Bufarda pon en marcha unha campaña de mecenado para realizar unha longametraxe documental sobre este produto. Este mércores é a presentación no Museo do Pobo Galego de Compostela.

Sabela Iglesias e Adriana Villanueva ficaron abraiadas cando escoitaron por primeira vez: “A miña avoa traficaba con LSD”. Así comezaron a investigar e descubriron que é unha realidade compartida pola maioría de galegos.

A febre do dentón produciuse cando fallou a subministración rusa, o produtor máis importante da época. Nese momento descubriuse que o fungo que se daba en Galicia e en Portugal tiña unhas calidades extraordinarias, chegando incluso a ser mellor ca o ruso.

Este produto era comercializado para usos medicinais como, por exemplo, nos partos.

Xulio Carballo publica ‘Os pioneiros da banda deseñada galega 1971-1979’

Hoxe facemos un percorrido histórico pola banda deseñada galega da man de Xulio Carballo, autor da primeira tese de doutoramento sobre os inicios do cómic en galego.

Xoana presenta o seu primeiro disco, ‘Dardos’

Xoana presenta o seu primeiro disco, ‘Dardos’, na Casa das Crechas de Compostela. O seu talento musical é herdado, xa que comparte paixón coa súa avoa e coa súa nai.

Adele e Rosendo son as base da súa inspiración musical. As letras, compostas pola súa nai, son parte fundamental da súa música. Xoana recoñece que foron moitas as ocasións en que lle preguntaron o motivo polo que cantaba en galego. A súa resposta é evidente: “O galego é a miña lingua”.

Con este primeiro disco, Xoana comeza a facer realidade o seu soño. “Gustaríame facer moitos directos, ir gañando táboas e poder dedicarme de forma profesional á musica”, explica.

Falamos sobre os cambios no discurso lingüístico e de xénero nas conversas sobre mocear

Noemi Basanta acaba de presentar a súa tese de doutoramento sobre os cambios no discurso lingüístico e de xénero nas conversas sobre mocear. Con ela falamos sobre o tema para coñecer un pouco mellor este campo.

Repasamos os premios galegos na gala dos Goya

Os Premios Goya estiveron protagonizados polo talento galego. Neste espazo cultural con Belén Regueira contamos con Ángel Suanzes, enviado especial da CRTVG, e coa nosa experta de Sala 5, Begoña Vázquez. Tamén falamos con Emma Lustres, produtora de Vaca Films.

A película A sombra da lei, dirixida por Dani de la Torre e protagonizada por Luis Tosar e Michelle Jenner, conseguiu tres galardóns.

O galego Luís Zahera conseguiu o Goya a mellor actor secundario por El Reino, onde protagonizou a famosa escena do balcón.

Outros dos momentos máis emotivos da noite foi o discurso de Jesús Vidal ou a aplaudida actuación de Rosalía.

Escocia e Galicia, unidas pola música celta

A música galega viaxa ata Glasgow par ter un protagonismo moi especial no Festival Celtic Connections. Anxo Lorenzo, Mercedes Peón, Mónica de Nut, Tanxugueiras, Talabarte, A banda das crechas, Xabier Díaz, as Adufeiras de Salitre e Sondeseu serán os embaixadores da nosa cultura máis alá das fronteiras.

“Cada vez a música galega e o Camiño de Santiago son máis coñecidos en Escocia”, conta o gaiteiro Anxo Lorenzo, que viaxa coa música galega polos escenarios arredor do mundo.

A historia celta e o son da gaita son as raíces dunha cultura común entre Escocia, Irlanda e Galicia. Conexións entre países que representan a esencia de todos os galegos.

Baldomero Moreiras expón ‘O eco das amazonas” en Compostela

A mostra ‘O eco das amazonas’ rende tributo ás mulleres que deixaron a súa pegada na música, na arte, na ciencia, na literatura ou na política. O soporte que o pintor emprega é a esfera, o símbolo de harmonía co universo.

Pin It on Pinterest