Destacados

A ópera ‘Aída’ de Verdi abre a Temporada Lírica da Coruña

O Palacio da Ópera da Coruña abre as súas portas para acoller a Temporada Lírica, organizada pola Asociación Amigos da Ópera. Unha edición que se alongará ata o 15 de decembro e que traerá á cidade herculina ópera, recitais, conferencias e moito máis. Será a ópera Aida, de Verdi, a encargada de abrir este programa mañá xoves e o sábado 16. Conversamos con dous artistas do elenco, a soprano Lucía Iglesias e o tenor Francisco Pardo.

‘Millennials. Unha xeración entre dúas crises’, un ensaio de Raquel C. Pico

A xornalista millennial Raquel C. Pico preséntanos este ensaio sobre a súa xeración, no que suliña a importancia das circunstancias económicas para analizar a vida das persoas nadas entre 1981 e 1995. O libro aborda a precariedade laboral, a dificultade de acceso á vivenda ou a fatiga existencial da xeración millennial, pero tamén os avances do feminismo ou a vida ultraconectada. ‘Millennials. Unha xeración entre dúas crises’, publicada pola Editorial Galaxia é un ensaio en primeira persoa que bota man de estatísticas, noticias, series, memes e entrevistas con galegos e galegas desta xeración.

Comeza o Holanola, un festival que conecta musicalmente Nova Orleans con Santiago de Compostela, Porto e Lisboa

O Holanola Lab Fest, como ben indica o propio nome, é un laboratorio artístico capaz de forxar unha comunidade entre artistas de Nova Orleans e da Península Ibérica. Ata o domingo 17 de setembro, Compostela acollerá concertos e actividades que se acubillan nesta segunda edición do festival e que traen á cidade artistas como Sabine McCalla, Sam Doores ou Duff Thompson, xunto a artistas galegos e portugueses. Conversamos co seu director, Martín Calviño, e co músico Carlos Childe.

Cine internacional desde Bueu e Verín

O Festival Internacional de Cinema de Bueu estende ata o 23 de setembro a súa décimo sexta edición, cunha sección oficial que inclúe pezas dos cinco continentes e curtas de cineastas galegos como Ángel Santos ou Álex Fidalgo. O festival completa a programación con concertos como o de Malandrómeda e coloquios con cineastas e promove actividades formativas como a primeira Residencia FIC Bueu, que titorizará Isabel Peña, coguionista de filmes como ‘As bestas’ ou ‘El reino’. A última semana estará dedicada ao público máis novo.

A oitava edición do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín recunca nas liñas temáticas que conforman a identidade do festival: a raia e as fronteiras, as migracións e o Entroido, pero tamén inaugura unha sección específica destinada ao público infantil. As curtametraxes gañadoras coñeceranse o sábado 16 de setembro.

As salas de concertos galegas retoman a actividade tras a etapa estival con novas programacións

Logo da etapa estival, as salas de concertos de Galicia retoman actividade en setembro, ofecendo unha programación constante, inclusiva e variada. Neste contexto, reivindican tamén a necesidade de analizar o novo paradigma do panorama musical, cunha gran oferta de festivais que se estenden máis alá do verán. Falamos sobre o tema con Marcos Vázquez, presidente de Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo. 

Ademais, conversamos con Isaac Pedrouzos, dono do Café & Pop Torgal que este ano cumpre 20 anos.

Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que nos mostrou como cantabamos

Recordamos a figura de Dorothé Schubarth, a etnomusicóloga suíza responsable do Cancioneiro popular galego, unha monumental compilación de melodías, coplas, contos e romances, realizada
con metodoloxía científica contemporánea. Schubarth faleceu o 6 de setembro na cidade suíza de Basel. 
Lembramos o legado de Schubarth con Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro; Concha Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, unha das institucións nas que está depositado o legado de Schubarth, cos musicólogos Beatriz Busto e Sergio de la Ossa e mais os músicos Richi Casás e Faia Díaz. 

As lecturas deste outono

Descubrimos algunhas das novidades literarias que as editoras galegas preparan para este outono. Desde a obra de teatro póstuma de Domingo Villar ás novas obras de LEdicia Costas, Diego Ameixeiras, Pedro Feijóo ou María Reimóndez. Chegarán tamén ás librarías traducións de Dostoievski, Jane Austen, Bernando Atxaga, Irene Solà ou Charlotte Brontë, e ensaios sobre a xeración milennial, a nosa relación coa morta ou unha biografía de Carmiña Sierra, a primeira muller en formar parte do Seminario de Estudos Galegos.

Música e patrimonio cultural da man no festival Espazos Sonoros

Dende o 2008, o festival Espazos Sonoros nacía coa intención de unir músia e patrimonio cultural, elementos estruturais aos que se lle foron unindo outros propósitos que rematan por conferirlle unha identidade propia. Brión, A Laracha, Narón ou A Coruña son algunhas das paradas que fará este Espazos Sonoros 2023, que se estende ata o 24 de setembro. Belén Bermejo é a directora artística do festival.

Pin It on Pinterest