Destacados

Un instrumento pequeno que agacha unha grande historia

O musicólogo Javier María López preséntanos ‘Herminio Villaverde. A trompa da Fonsagrada’. Este libro-cd percorre a fascinante historia dun instrumento musical espallado por todo o mundo e que recibiu máis de mil denominacións. Birimbao, arpa da boca, guimbarda… na Fonsagrada, a comarca galega na que máis se preservou a súa memoria, chámanlle trompa. Alí naceu o principal protagonista desta obra, Herminio Villaverde, un labrador finado en 1991, virtuoso da trompa e figura clave para transmitir este legado musical ata nós. ‘Herminio Villaverde. A trompa da Fonsagrada’ é o último volume da colección Chave Mestra d´aCentral Folque.

Colmeiro e Granell, o surrealismo no exilio

A exposición ‘Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o surrealismo no exilio’ pode verse na Casa das Artes de Vigo ata o 14 de xaneiro. Este proxecto pretende unha lectura do impacto do movemento surrealista na obra do pintor Manuel Colmeiro nas décadas dos anos trinta e corenta. A exposición mostra os puntos de conexión coa obra de Eugenio Granell, pintor da mesma xeración e figura de referencia do surrealismo desde os anos corenta. Ambos teñen traxectorias vitais marcadas polo exilio e pola súa presenza en América Latina. No Diario Cultural entrevistamos a Carlos López Bernárdez, comisario da exposición.

‘Os Andares’, viaxes sonoras para camiñar a comarca dos Ancares

‘Os Andares’ é unha serie de viaxes sonoras para acompañar camiñadas pola comarca dos Ancares. Unha proposta de docuficción baseada na investigación sobre o patrimonio da comarca, na evocación sonora e na escrita de María Lado, Clara Gayo ou Avelina Pérez, entre outros autores. ‘Os Andares’ percorre en cada episodio un itinerario por un dos seis concellos da comarca: Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes e Baralla.

Conversamos con José Díaz e Marcos PTT, codirectores canda Iria Azevedo deste proxecto, que xa pode consultarse na web osandares.com

‘Respirando sempre’, novo disco de Factoría de Subsistencia

O músico e actor Josito Porto presenta no Diario cultural o seu novo traballo ‘Respirando sempre’. Son nove cancións, músicas atemporais que van máis alá das modas. Josito Porto cóntanos que os músicos escriben sobre a rutina e a vida que teñen ao redor. Escribir sobre a vida real fai que sexa doado identificarse coas cancións. Josito Porto explora novos camiños musicais nunha conxunción perfecta entre a interpretación e a música. A Banda da Subsistencia está formada por Josito Porto, Sabela Dacal, Rafa Otero e Adrián Ríos. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais e nas tendas físicas. A presentación oficial do disco é na Casa das Crechas de Compostela o 13 de xaneiro.

A fotógrafa Sara Priego expón “El barranco”

A fotógrafa Sara Priego expón ‘El barranco’ na Fundación Évame Oroza ata o 15 de xaneiro. É unha mostra de imaxes en pequeno formato coa que a artista propón unha exploración das emocións dende a intimidade da súa mirada. A exposición é un ensaio fotográfico sobre o dó, a tristeza, a soidade e as ausencias, pero tamén cunha ollada de esperanza e superación. Sara Priego retrata un proceso persoal que todas as persoas vense obrigadas a sufrir nalgún momento da súa vida. “O que eu relato nas frotografías é algo que todos vivimos”, explica a fotógrafa na entrevista no Diario Cultural.

‘Lecturas de coidado’, un encontro para ler en común

Belén Gopegui, Antón Lopo, María Sánchez e Uxue Alberdi son algúns dos escritores que participan en ‘Lecturas de coidado’, un encontro ao redor da lectura en común que se desenvolve en Santiago. Tamén participan profesionais da saúde mental, da medicina comunitaria, da arteterapia, da pedagoxía ou da intervención social. É unha proposta para ler en común, para empregar a lectura como ferramenta de transformación social nunha época de predominio da imaxe, da instantaneidade, da velocidade vertixinosa e de construción de sociedades cada vez máis individualistas. A lectura en común como ferramenta de cambio social.

Iria Pinheiro e Mónica de Nut presentan Kennebec

As artistas Iria Pinheiro e Mónica de Nut teñen novo espectáculo poético musical para este 2024. Kennebec é un proxecto innovador de música experimental e electrónica. O espectáculo racha cos estereotipos na música e explora os límites da palabra e das obras creativas. No Diario Cultural entrevistamos as autoras e descubrimos os segredos que hai detrás deste novo proxecto.

Cantos de Nadal: unha tradición que muda cos tempos

Os cantos do ciclo de Nadal: panxoliñas, aguinaldos e cantos de reis. O músico Gustavo Couto, da Asociación de Gaiteiras Galegas, comparte con nós o seu coñecemento sobre o baile e música tradicional de Nadal. Lémbranos a importancia dos cantos en grupo, en comunidade, como un elemento de unión entre a sociedade. Tamén entrevistamos a Branca Villares, mestra de música e baile tradicional, unha das impulsoras da recuperación dos ‘reiceiros do Cebreiro’; e a Xosé Feijóo, do grupo Os Chichisos, que levan 22 anos saíndo a cantar os Reis coa rapazada da área de Pontevedra. Neste espazo cultural facemos un percorrido polas tradicións de Nadal a través do tempo.

Demo Editorial publica en banda deseñada ‘A nosa cinza’ de Xavier Alcalá

Demo Editorial publica ‘A nosa cinza’ de Xavier Alcalá nun formato novo: unha novela gráfica que amosa unha nova visión da clásica novela literaria, que é unha das pezas máis destacadas da narrativa galega. Entrevistamos a Xavier Alcalá, autor da novela orixinal; e a Manel Cráneo, autor da novela gráfica.

Unha viaxe a través da historia do hip-hop, co libro ‘Somos hip-hop’, da editorial Galaxia

O libro ‘Somos hip-hop’, publicado pola editorial Galaxia, é unha viaxe a través da historia do hip-hop. A obra presenta os fundamentos do breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox. Os autores son Pablo Castiñeira e David Brey.

Pin It on Pinterest