Destacados

‘O soño da serpe’ é a primeira novela de Antonio Seijas

‘O soño da serpe’ centra a súa historia nunha rapaza chamada Luz, que ao comezar a universidade comeza tamén unha busca para coñecer as súas raíces e o seu pasado. Trátase dunha novela fantástica con toques de realismo que supón a primeira novela do deseñador gráfico Antonio Seijas, que acumula numerosas publicacións de banda deseñada.

Antonio Seijas ten o Premio á Mellor Obra Nacional de Expocomic, é gañador ao mellor guión na Feira do Cómic de Barcelona e Premio Castelao da Deputación da Coruña.

O arquitecto Arata Isozaki recibe o Premio Pritzer 2019

O arquitecto Arata Isozaki recibe o Premio Pritzer 2019. Naceu en 1931 e creceu no Xapón destruído pola segunda guerra mundial. O seu primeiro encontro coa arquitectura foi nunha zona cero, nun lugar onde xa non había arquitectura, xa non había cidade. Aí comezou o interese de Isozaki por descubrir como as cidades podían levantarse dende a nada.

En Galicia temos algunhas das súas obras, como o Centro de Estudos Avanzados do Parque de Vista Alegre en Compostela ou a Domus da Coruña, que realizou xunto ao arquitecto galego César Portela.

“Ambos estabamos de acordo en que a Domus tiña que ser construída con materiais de aquí, porque ademais traballabamos sobre unha antiga canteira”, explica Portela.

“Arata Isozaki ten moi claro que o mundo é un, pero hai moitas culturas. Nós, os arquitectos, temos que coñecer os sitios onde traballamos”, engade.

“A Domus é unha obra emblemática, como unha vela ao vento na baía do Orzán que demostra que se pode construír e non destruír un territorio”, indica o arquitecto.

“Penso que a arquitectura do país ten un papel moi destacado no panorama mundial”, explica Antonio Maroño, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Anaír Rodríguez presenta ‘Pioneiras 2’

Na véspera do Día da Muller falamos de ‘Pioneiras 2’ coa súa autora, Anaír Rodríguez.

Proxéctase en Ourense o primeiro capítulo de ‘STRPTS’

Cinema Sticado presenta hoxe no Auditorio Municipal de Ourense o primeiro capítulo de ‘STRPTS’, unha obra de cine en vivo.

Domingo Villar preséntanos o seu novo libro, ‘O último barco’

Neste espazo cultural conversamos con Domingo Villar, que nos presenta o seu novo libro, ‘O último barco’, publicado pola Editorial Galaxia.

Unha viaxe entre Vigo e Moaña a través da desaparición de Mónica Andrade. Trátase da terceira entrega das andanzas do inspector Leo Caldas e do seu escudeiro aragonés Rafael Estévez. Despois de ler ‘Ollos de auga’ e ‘A praia dos afogados’, é o momento de mergullarse neste novo libro.

“Eu teño o costume de ler en voz alta o que vou escribindo e sempre lle lía o meu pai, non en busca dun xuízo, senón en busca dun oído”, recorda o escritor.

Día da Muller dende o Consello da Cultura Galega

Neste Diario cultural imos ata a biblioteca do Consello da Cultura Galega. O vindeiro 8 de marzo, as mulleres volven saír ás rúas para reinvindicar os seus dereitos.

“Esta é unha loita de hai máis de 200 anos que pasa por diferentes etapas, estamos agora no que se chama a ‘cuarta onda’ do feminismo, protagonizada polas mulleres máis novas e que mesmo poñen en cuestión novos aspectos”, explica María Xosé Porteiro, coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.

O Consello da Cultura Galega ofrece, a través da súa web, fondos documentais para descubrir a historia do 8 de marzo. Isto lévanos ata as fábricas téxtiles de Nova York a mediados do século XIX, onde as mulleres comezaron unha loita que continúa hoxe.

“En Galicia temos un movemento feminista organizado que ten moita historia, que comezou moi cedo e que reflicte todas as pólas polas que foi avanzando o feminismo, con figuras moi senlleiras como Nanina Santos Castroviejo e María Xosé Queizán”, engade María Xosé Porteiro.

Hoxe tamén comeza o ciclo de cine Olladas de mulleres, organizado polo Consello da Cultura Galega e o CGAI, en que se proxectan obras fílmicas realizadas por mulleres como Todas as mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro.

Como volven as mulleres pola noite á casa? “Estou chegando á casa”, “imito o andar dun home” ou “quen non fixo como que fala por teléfono?” son algunhas das frases que forman parte da vida cotiá da muller.

Neste espazo cultural tamén falamos con Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega, e con Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega.

Porque o feminismo forma parte da cultura galega e do noso pasado, presente e futuro.

Pin It on Pinterest