Destacados

‘Entre soños’, o primeiro espectáculo da compañía de danza de Fran Sieira

O bailarín de Ribeira dirixe un espectáculo de danza, canto e música tradicional que interpreta xunto a Aida Tarrío e Xisco Feijoo. Hoxe en Ribadeo e nas vindeiras semanas en Narón, Compostela, Vilagarcía, Cargallo, Lugo ou A Coruña.

A actriz Isabel Blanco, recoñecida co Premio Celanova Casa dos Poetas

Conversamos coa actriz sobre o premio, os 20 anos de Mareas Vivas e o seu proxecto actual: ‘Pasaporte galego’.

Monterroso celebra a cuarta edición da Feira do Libro e o Disco Galegos

Achegámonos á feira e ao activismo cultural de ’25 xastres’ co voceiro desta asociación Serxio Alba.

Identidade e dereitos civís dende a escrita a debate no ‘Parlamento de escritoras-es’

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega debate sobre identidade e dereitos civís en Pontevedra.

Falamos con Soledad Penalta, a escultora do aceiro

Hoxe falamos con Soledad Penalta a través da exposición Grafía e reflexos de lúa, que se inaugura na galería Luísa Pita de Santiago. En Ourense continúa aberta outra exposición súa: Utopía ou distopía.

“Eu facía cerámica de alta temperatura, tiven unha bolsa e marchei aos Estados Unidos. Aínda que ao principio asusteime un pouco, descubrín o mundo do metal e xa non seguín máis coa cerámica”, indica Soledad.

“O traballo é completamente diferente. Na cerámica partes dunha masa que vas modelando. Aquí é unha prancha onde fas un volume e logo tes que soldar”, engade.

Mais as pezas de Soledad Penalta tamén falan porque no metal poden lerse letras e versos coa propia caligrafía da escultora.

“Ao principio firmaba coa soldadura, pero comecei a buscar novas formas. Agora, escribo como quen escribe nun papel”, explica a artista.

Sés presenta o seu novo disco na Radio Galega

Sés publica mañá o seu novo disco, Rabia ao silencio, e comeza xira arredor da nosa terra. Un traballo cheo de cancións latinoamericanas que, no seu momento, pasaron máis desapercibidas e agora volven para abrir novos horizontes musicais á xente máis nova.

Cando somos seguidores da música americana e cantamos letras en inglés, pero non somos quen de recoñecer os grandes músicos latinoamericanos, estamos esquecendo unha parte do mundo coa que compartimos cultura. Esquecemos a súas melodías, composicións e talento.

“Dicía Unamuno que canto menos se le, máis dano fai o que se le. Así que eu creo que pasa o mesmo coa música: canto menos se escoita, máis dano fai o que se escoita”, indica a cantautora galega.

“Cando falan de premios e recoñecementos, a min paréceme todo moi frívolo. Eu só coñezo un premio que é un teatro cheo cantando un tema teu”, engade.

“Non creo que o mundo sexa só o que nos contan”, asegura Sés, quen insiste no papel da música como cronista e narradora da realidade.

“Todos somos humanos e a música é unha manifestación humana. Sempre me apaixonou o ser humano, paréceme dos animais máis complexos e máis interesantes. Todos os días vou buscando nova música e cada vez é máis difícil atopar algo que sexas quen de distinguir”, conclúe Sés.

Sexta edición dos Premios Martín Códax da Música

Ata o 17 de marzo poderanse presentar todos os proxectos musicais de calquera persoa ou grupo que queira optar ao premio nalgunha das categorías dos Martín Códax da Música, que se celebrarán o vindeiro 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Para coñecer todos os detalles falamos coa coordinadora dos premios, a cantante Sonia Levedinsky, e con dous dos gripos premiados o anao pasado: Eladio y los seres queridos e Som do Galpón.

A narración oral chega a Galicia co Festival Atlántica

O Festival Atlántica trae un mar de contos durante o mes de marzo por toda Galicia. As rúas énchense de contadores de historias que sorprenderán, un ano máis, a veciñanza galega.

Máis de 80 espectáculos en 16 concellos recibirán os contadores de narración oral dende diferentes partes do mundo. Neste ‘Diario cultural’ falamos con Soledad Felloza, organizadora do evento.

O mar chega á montaña e percorre as vilas galegas. Historias murmuradas que se van contando de orella a orella, literalmente.

“É un tubo que potencia a voz, ti murmuras e a persoa que está ao outro lado vai escoitar unha historia só para ela”, conta Soledad Felloza.

“O Atlántico marca. É certo que cada historia se adapta á cultura local, pero xúrovos que eu escoitei historias en Cabo Verde que alí era un peixe a aquí unha lamprea, pero a historia era común”, engade a organizadora.

A TVG celebra o 25 aniversario do Xabarín Club

Na sala Capitol de Santiago de Compostela tivo lugar hoxe o primeiro concerto que celebra o 25 aniversario do Xabarín Club. Grupos recoñecidos galegos interpretan as míticas cancións do Xabarín como parte dun especial que prepara o programa ‘Inimitables’.

Publícase o libro ‘Viaxeiros’, sobre as migracións dos animais

Hoxe descubrimos as grandes viaxes dos animais, moitos deles desprázanse coas estacións do ano, outros teñen que abandonar a zona onde crían. Un gran número de aventuras que aparecen reflectidas no libro ‘Viaxeiros’, publicado por Faktoría K, de Kalandraka Editora.

“Fago libros dirixidos a aquel neno que fun”, explica Xulio Gutiérrez, autor dos seis libros da colección ‘Animais extraordinarios’.

“Somos da xeración de Félix Rodríguez de la Fuente, foi un grande inspirador”, conta o ilustrador do libro, Nicolás Fernández.

Coa chegada da primaveira, as anduriñas voan ata Galicia. Proceden dende África e chegan guiadas pola experiencia e pola vista.

“É moi curioso que estes animais teñan unha parte do seu cerebro e unha parte da súa retina conectadas de tal maneira que ven literalmente o norte”, explica Xulio Gutiérrez.

Libros feitos en Galicia en que podemos descubrir como son as viaxes dos animais, dos que chegan e dos que marchan máis alá da nosa terra.

Pin It on Pinterest