Destacados

Comeza a Feira do Libro en Compostela

Falamos con Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia. Así comezamos a Feira do Libro de Compostela. Como cada sábado, tempo de audiovisual con Carlos Ares, con quen hoxe faremos un percorrido pola historia do cinema.

Comeza o FIV de Vilalba


Hoxe comeza o Festival de Vilalba-FIV que celebra a súa 12ª edición este venres 26 e sábado 27 de abril e nel danse cita o mellor do indie nacional. Así esta noite actuará, la M.O.D.A., Miss Cafeina, Depedro, Marem Ladson e Sidonie Djs. E mañá será queda de Los Planetas, Iván Ferreiro, Dorian, Siloé e Cheese and Bacon Djs. Ademáis teñen preparadas moitas actividades paralelas que nos conta a responsable do FIV, Sandra Vázquez.


 

António Zambujo presenta o seu traballo ‘Do Avesso’

António Zambujo presenta o seu traballo “Do Avesso”. A súa música encherá o Auditorio Mar de Vigo esta tarde a partir das 20.30 horas.

Comezou a cantar dende que era moi pequeno e creceu coa música e o fado sempre ao seu carón. Galicia é unha terra á que sempre quere volver. Os vigueses poderán desfrutar esta tarde do seu novo disco, protagonizado pola variedade e construído a partir da colaboración cun gran número de músicos. O resultado é un traballo coidado que amosa a un António Zambujo cheo de novos matices.

‘Humo’ de Fer Patiño no Torrente Ballester

Falamos co artista ferrolán Fer Patiño que conta con 40 obras en exposición no Centro Torrente Ballester de Ferrol que se poden ver ata o 12 de maio. Trátase dunha exposición titulada ‘Humo’ porque o fume é o elemento principal das súas obras. 

Imos ata a XX Mostra do Teatro Universitario de Galicia

O teatro universitario é o protagonista do Diario Cultural de hoxe. Falamos con integrantes das compañías de teatro que participan na XX Mostra do Teatro Universitario de Galicia. Entre elas, temos a Loaira Sánchez e a María Alonso Espasandín, de Faísca Teatro.

“Para min o teatro é parte moi importante da formación universitaria e persoal”, asegura María Alonso Espasandín.

“Non podía imaxinar a miña vida universitaria sen o teatro”, afirma Loaira Sánchez.

“Compartimos unha inquedanza artística, que vai máis alá da nosa carreira, é unha vía de saída a nosa creatividade”, engade María Alonso Espasandín.

A compañía compostelá Faísca Teatro vén de presentar ‘O que che contei mentres facías que durmías’, unha crítica ás empresas de reparto a domicilio.

Neste espazo cultural tamén coñecemos a historia de Héctor Martínez, da Aula de Teatro Universitario de Ourense María Castaña, quen descubriu o mundo do teatro despois de romper o brazo durante un partido de fútbol cos amigos.

‘O Camiño do Medievalista’ na USC

Hoxe viaxamos ata o medievo para coñecer con Alba Rodríguez como vestía a xente na Idade Media e tamén falamos sobre a violencia desa época con Abel Lorenzo. E todo isto porque hoxe comeza en Compostela o II Congreso Internacional ‘O Camiño do Medievalista’. Un encontro que terá lugar no Paraninfo da USC ata o 26 de abril e no que participan corenta institucións académicas de todo o mundo.

O saxofonista Xosé Miguélez presenta o seu disco ‘Ontology’

O saxofonista Xosé Miguélez presenta o seu disco Ontology, gravado nos Estados Unidos e inspirado nun romance que Dorothé Schubarth lle recolleu a súa tía avoa Amparo nos anos 80 en Laza.

Hai dous anos Xosé Miguélez estaba buscando partituras na biblioteca do seu lugar de traballo, o Conservatorio Profesional de Música de Vigo. De súpeto, entre notas e composicións, atopou o nome da súa tía avoa Amparo.

“Cando escoitei a voz, recoñecinna ao instante, o acento de alí, a maneira de falar… Nalgunha parte da miña cabeza estaba aínda gardado o recordo da voz da miña tía avoa. Foi emocionante”, conta o saxofonista.

Celebramos o Día do Libro cunha viaxe por librarías e museos

Libros para viaxar, para descubrir, para sentir, para coñecer…Hoxe celebramos o Día do Libro cunha visita a algunhas librarías galegas.

Neste Diario Cultural imos ata a libraría Moito conto, onde falamos con Esther Gómez, quen se mostra moi agradecida con todos os lectores que hoxe comparten cos libreiros mostras de agarimo e felicitacións.

“A xente gústalle compartir este día, agasallar un libro ou unha flor e a ilusión de que alguén pense en ti”, di a libreira.

Lonxe dos grandes despachos e departamentos de márketing, os libreiros recomendan libros os seus clientes despois de falar un pouco con eles para coñecelos mellor. Pode haber un libro agardando por cada persoa, a recomendación debe ser persoal e nunca guiada polos gustos comerciais, recorda Esther Gómez.

Os libros tamén están nos museos e neste espazo cultural imos ata o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde falamos con Iria Fernández Mouriz.

A Companhía do ruído presenta ‘Non quero bicos dos homes’

No Diario Cultural falamos con Suso ‘Chumeiras’ un dos integrantes do grupo A Companhia do ruído que está a presentar o tema ‘ Non quero bicos dos homes’. Unha canción que formará parte do novo disco que a banda galega prepara para finais de ano ‘Disfruten as molestias’

Pin It on Pinterest