Destacados

Imaxinando Compostela, unha viaxe pola arte en Galicia

Falamos de Imaxinando Compostela, un proxecto expositivo que inclúe catro mostras entre 2019 e 2021. Neste Diario Cultural temos connosco a súa comisaria, Mercedes Rozas.

“Intentamos dar unha imaxe da arte en Galicia dende diferentes perspectivas”, explica Mercedes.

O exilio e a emigración son os protagonistas de Figurando Lembranzas con obras de Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Maruja Mallo.

Nos próximos anos serán moitos os visitantes que chegarán a Compostela buscando a súa oferta cultural. Así nace esta exposición, un percorrido pola arte en Galicia.

Eloy Domínguez Serén preséntanos o seu novo filme

Chega aos cines “Hamada”, o novo filme do galego Eloy Domínguez Serén. O cineasta presentounos o seu traballo nos estudios da Radio Galega.

“Hamada” é un documental que narra o conflito saharauí a través da vida das persoas. Unha historia de dureza dende a perspectiva da vitalidade e o humor.

“Penso que a película pon nomes, apelidos e rostros a un conflito que quizais estaba demasiado nas estatísticas e nas cifras. Achéganos a unha realidade que está caendo no esquecemento”, asegura o cineasta.

Descubrimos The Waylanders, un videoxogo galego

Descubrimos ‘The Waylanders’, un videoxogo galego que forma parte da 18ª edición de Mundos Dixitais, o Congreso Internacional de Animación, Videoxogos e Efectos Visuais. O estudio coruñés Gato Studio está desenvolvendo un xogo ambientado na Galicia medieval. Neste Diario Cultural falamos con Fernando Prieto, socio e produtor executivo de Gato Studio; e con Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais.

O Santiago medieval, a Illa de Ons ou a Fervenza do Ézaro son algúns dos escenarios de ‘The Waylanders’. Trátase dun xogo de rol construído a partir da fantasía e as lendas celtas de Galicia.

Este proxecto nace para desenvolver o mundo do videoxogo en Galicia, un sector con moito potencial, pero que aínda está dando os primeiros pasos.

“Cremos que o galego ten que estar en todos os ámbitos culturais, non soamente nos máis tradicionais”, explica Fernando, e engade: “queremos que o videoxogo esté en galego, pero aínda esta en risco esta posibilidade”.

A novela de ‘Blade Runner’, xa en galego

A novela de Blade Runner xa está traducida en galego. Factoría K de narrativa, un selo da Editorial Kalandraka, publica Soñan os androides con ovellas eléctricas?, un clásico do escritor de ciencia ficción Philip K. Dick. Neste Diario Cultual temos connosco a Fernando Moreiras, o tradutor da obra.

“Eu son lector de ciencia ficción dende a nenez, así que para min poder traducir unha das novelas icónicas do xénero foi un pracer máis que unha encarga de traballo”, asegura o tradutor.

Un desastre nuclear provoca a extinción dun gran número de especies animais. A partir de aí, os humanos desenvolven unha conduta empática cos animais e isto convértese nunha obriga social. “Hai que ter un animal o máis caro e grande posible, a xente que non pode mercar un animal real elixe un de mentira porque o importante é aparentar diante dos veciños”, explica o tradutor.

Isto trasládase ao eido das persoas. Como nos relacionamos con outros seres humanos? E como nos relacionamos con cousas que parecen seres humanos?

A película estaba situada nun futurista 2019, mais na actualidade cobra un novo sentido. “A novela transmite unha mensaxe moi evidente: coidar o planeta”, di Moreiras, e engade: “Hai un paralelismo co que vivimos agora, estamos vendo como desaparecen especies animais e plantas. A extinción do planeta será culpa nosa”.

Por que cada vez imos menos ao cine?

O Observatorio da Cultura Galega destaca a baixada de espectadores e baixada de recadación cinematográfica no 2018. No Diario Cultural falamos con Hakan Casares Berg, responsable do Observatorio da Cultura Galega.

Imos menos ao cine? Por que? Como é a situación do audiovisual galego? Atopamos as respostas.

Outro tema do programa de hoxe foi a mostra colectiva ‘Na varanda’, do CGAC, unha exposición comisariada pola veciñanza. Falamos con Rebeca Mariño, unha das socias da cooperativa.

Falamos con estudantes estranxeiras que están aprendendo galego

Comezan os cursos de lingua e cultura galega “Galego sen fronteiras”, organizado pola Real Academia Galega (RAG). Nesta XXXII edición participan setenta persoas procedentes de vinte países e catro continentes. No Diario Cultural temos connosco a Aleksandra Jackiewicz, de Polonia; María Elena, estudante austríaca que acaba de facer Erasmus en Vigo; e falamos co profesor Xosé Manuel Dopazo.

Cando Aleksandra e María Elena chegaron a Galicia para aprender galego atopáronse con moita xente que lles falaba en castelán ao ver que eran estranxeiras. “Foi frustrante pedir que nos responderan en galego para poder practicar”, contan na Radio Galega.

Aleksandra destaca o carácter aberto dos galegos e María Elena quedou abraiada ao descubrir a muiñeira.

“O máis difícil para nós son os pronomes, a fonética e distinguir as vogais abertas das pechadas”, confesan as estudantes.

“Nos cursos aprenden moito máis que a lingua, é importante que vexan como vivimos e como somos”, explica o profesor Dopazo.

O teatro escolar Sardiña, unha forma diferente de estudar latín

Falamos do Grupo Sardiña. Ricardo Martín, profesor de Latín xubilado, foi o director do grupo de teatro escolar Sardiña e Parrocha. Agora forma parte da Cruz de Afonso X O Sabio pola súa contribución ao teatro escolar e grecolatino.

“O teatro forma parte da nosa vida, estamos vivindo nese mundo imaxinario en que nos transformamos noutros personaxes, temos ilusións e aspiramos a alcanzar soños e outras vidas”, explica o profesor.

“Facendo teatro escolar apréndese a convivir cos adolescentes, unha experiencia moito máis enriquecedora que as clases de latín ou grego”, engade nas ondas da Radio Galega.

Entre os seus alumnos estaba a gran Lucía Regueiro, que recorda os seus inicios con Ricardo Martín.

Manuel Vilar, novo director do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego ten novo director: Manuel Vilar. Falamos con el neste Diario Cultural.

“O valor deste museo está na información que nos dan as pezas sobre a vida das persoas, un museo que escribe a historia da xente do común, da maioría da sociedade galega”, asegura o novo director.

Como somos hoxe? Como chegamos ata aquí? Como contamos quen somos? A forma en que ollamos ao pasado cunha mirada diferente.

Xabier Paz publica ‘Galileo no espello da noite’

O escritor Xabier Paz publica ‘Galileo no Espello da Noite’, en Xerais. Miramos ao ceo con Galileo a través das páxinas desta obra. No ano 1992, a Igrexa Católica rehabilitou a Galileo, 359 anos despois de ser obrigado a renegar do seu traballo. A súa herexía consistía en defender que a Terra non era o centro do mundo, senón que se movía arredor do sol como xa dixera Copérnico. Galileo Galilei, un dos pais da astronomía moderna, xa forma parte da literatura galega.

“Unha vez que te asomas ao mundo de Galileo sentes vertixe, pero xa non podes deixar de mirar. É unha situación de hipnose e de absorción”, conta o escritor.

O San Simón Fiddle, un campamento musical para o verán

Descubrimos o San Simón Fiddle, un curso de música especialmente destinado para a rapazada, onde combinan actividades musicais con outras de lecer e tempo libre. Neste Diario Cultural falamos con Begoña Riobó, violinista e profesora; e Anxo Pintos, músico e profesor. Tamén escoitamos as voces dos cativos e adolescentes que participan nesta actividade de verán.

Máis dun centro de participantes, entre 7 e 18 años, comparten a súa paixón pola música na Illa de San Simón.

“Queremos que a rapazada descubra a música dunha forma diferente, completamente libre”, explica a profesora Begoña Riobó.

“Para min o violín era unha materia máis da miña formación ata que cheguei ao campamento e descubrín que é moito máis, unha forma de transmitir o que ti es, os teus sentimentos”, asegura un dos músicos que participan neste actividade.

Pin It on Pinterest