Destacados

Comeza o Noia Harp Fest e publícanse novas investigacións sobre Prisciliano

Comeza o Noia Harp Fest, o festival internacional de harpa Vila de Noia. Falamos co seu director artístico, Rodrigo Romaní. Tamén presentamos as últimas investigacións sobre Prisciliano, no día de remate das festas do Apóstolo. Chegouse a especular que podía estar soterrado baixo a catedral de Santiago.

No Diario Cultural escoitamos a Diego Piay Augusto, arqueólogo e profesor de Historia Antiga na Universidade de Oviedo, é autor do libro ‘Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio cristiano’.

“Os sons esquecidos”, unha viaxe milenaria hoxe na Quintana

A Praza da Quintana acolle hoxe o concerto entre a Real Filharmonía de Galicia e Abraham Cupeiro, presentando o seu último disco conxunto “Os sons esquecidos”.

O artista sarriao emprega instrumentos de vento históricos que el mesmo reconstrúe. Un deles é o kárnix, unha corneta de 3 metros de lonxitude da Idade de Ferro.

Conversamos con el antes do seu concerto nas Festas do Apóstolo, que xa ten as entradas esgotadas.

Entrevistamos a Luísa Merelas, mención de honra nas XOCIVIGA

Entrevistamos á actriz Luísa Merelas, mención de honra nas XOCIVIGA 2019 do Carballiño.

O xurado otorgoulle este galardón por unanimidade, destacando dela “ser un referente para a profesión en Galicia, tanto no teatro como no audiovisual”.

Berta Franklin actúa nos Atardeceres do Gaiás

O grupo lugués Berta Franklin actúa este sábado nos Atardeceres do Gaiás. Neste Diario Cultural temos connosco ao batería Simón Cuba e a Marcos Vigo, cantante e guitarrista da formación.

Música en galego para poñer un ritmo cálido e escuro ao solpor compostelán. Como xurdiu o nome deste grupo? Cal é a situación actual da música en galego? Descubrimos as respostas da man deste grupo de Lugo.

A compañía Chévere estrea Curva España

A compañía Chévere estrea este xoves “Curva España”. Neste Diario Cultural temos connosco a Xesús Ron, director da montaxe; e Patricia de Lorenzo, integrante de Chévere e actriz da montaxe.

Os creadores desta obra descubriron de casualidade unha lenda ben coñecida entre as xentes de Verín. Por que é tan difícil chegar a Verín? Por que nunca se rematou o trazado do tren? A historia da “Curva España” agocha unha resposta a estas cuestións.

A loita de Clara Campoamor polo sufraxio feminino, agora traducida ao galego

As mulleres españolas non tiveron recoñecido o dereito ao voto ata o 1 de outubro de 1931, grazas en boa medida á deputada Clara Campoamor.

A editorial Galaxia traduce agora ao galego ‘O meu pecado mortal. O voto feminino e mais eu’,o libro de 1936 no que Campoamor explica a súa loita polo voto feminino e as críticas e ataques que lle supuxo.

Conversamos con Celia Pereira Porto, autora dun estudo introdutorio no que tamén se explica a actitude dos deputados galegos, e coa tradutora María Reimóndez.

Programa especial desde a Mostra de Teatro de Ribadavia

Neste Diario Cultural estamos na 35ª edición da Mostra de Teatro de Ribadavia. No programa de hoxe temos connosco a Roberto Pascual, director do MIT; Alicia Laguna, da compañía mexicana Teatro Línea de Sombra; Luciano Rosso e Nicolás Poggi, da compañía arxentina Un poyo rojo; e Pablo Reboleiro, da compañía galega Pista Catro, premio de honra da MIT.

Ribadavia convértese no centro dramático de Galicia. Un lugar con historia, que agocha claves da nosa cultura. Un lugar místico ao que Roberto Pascual sempre chega con ilusión.

Un total de 24 espectáculos de 5 nacionalidades, obradoiros, teatro de rúa e encontros cos artistas converterán Ribadavia nun inquieto e insólito escenario, con actuacións en prazas e rúas, no castelo, na igrexa da Magdalena e no Barrio Xudeu.

Entre as estreas, “Curva España”, a nova produción de Chévere ou “Jauría”, de Kamikaze.

Cando Cossimo III de Medici peregrinou a Compostela

Comezamos o Diario Cultural con dúas boas novas: ‘O que arde’ estará no festival de San Sebastián e a última película de Eloy Enciso, no de Locarno.

O profesor de Historia da Arte Miguel Taín Guzmán publica un novo traballo sobre a viaxe a Galicia do príncipe florentino Cossimo III de Medici. Unha investigación que proporciona información relevante sobre o Santiago do século XVII.

O príncipe viaxaba cunha corte de máis de vinte persoas. Entre eles, un artista que ía debuxando os lugares do camiño e un chef francés que cociñaba cos produtos de cada terra.

Entrevistamos a Narciso de Gabriel, catedrático de Historia da Educación

No Diario cultural entrevistamos a Narciso de Gabriel, catedrático de Historia da Educación na UDC. O seu traballo de investigación foi esencial para elaborar o guión da película Elisa e Marcela, de Isabel Coixet. Falamos do seu libro Alvarez Blázquez, mestre republicano.

O grupo Chicharrón preséntanos Cancións clínicas

No Diario Cultural falamos das Cancións clínicas, de Chicharrón. O grupo actúa este venres en Carballo. Hoxe temos connosco a Alberto Martínez e Mara Pérez.

Conseguir que o público conecte coas túas letras, transmitir unha emoción e que a xente sinta o mesmo que os propios músicos. A maxia do directo estará este venres en Carballo co grupo Chicharrón e as súas Cancións clínicas.

Pin It on Pinterest