Destacados

Xackal, unha viaxe sonora irresistible

Xackal preséntannos o seu primeiro disco longo, ‘Vén forte ben forte’, unha viaxe sonora desprexuizada, vestida de electrónica, ritmos latinos e conexións atlánticas, da bossa ao house pasando pola música de raíz galega e outros moitos ritmos. O trío, formado por Nano Suárez de Lis, Gael Mvundi e Javi Otero, actúa o sábado 20 de xaneiro na sala Rebullón de Mos e regálanos nesta entrevista unha versión en vivo da súa canción ‘Cabo Victoria’.

‘Antropotectura’, de Jose Perozo

O escultor vigués Jose Perozo amosa na galería coruñesa Monty4 unha serie de 19 pezas en madeira e cemento. A exposición ‘Antropotectura’ parte da idea de que a pel que habitamos é o noso refuxio. É unha reportaxe de Isabel Freire.

Tangatutanga: 23 anos de amor ao teatro

Coñecemos este grupo santiagués de teatro amador fundado no ano 2000. Nestes 23 anos montaron obras de todo tipo, pero sempre co selo do humor e a crítica: desde pezas de Shakespeare, Oscar Wilde ou Núñez Singala aos seus cabarés de creación colectiva ‘Aberto por folga’ e ‘Que Deus nos colla confesados’.

O único requisito para formar parte de Tangatutanga son as ganas de facer teatro. Conversamos con algunhas das integrantes do grupo en plena xira de presentación da súa última montaxe, unha particularísima versión ‘O lago dos cisnes’.

Os novos formatos de lectura, protagonista das Xornadas Gálix

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil organiza as ‘Xornadas Gálix. Desfacendo a Raia’, onde participan os persoeiros máis relevantes do sector literario. No Diario Cultural entrevistamos a Manuel Bragado, mestre e editor en lingua galega. Analizamos a convivencia entre o soporte impreso e o electrónico.

Chega a Vilalba ‘Iribarne’, unha sátira teatral sobre Manuel Fraga

Despois da súa presentación en Madrid o pasado outono, chega a Galicia esta corrosiva revisión escénica da figura política de Manuel Fraga e da nosa historia recente. Esther Carrodeguas é a autora da peza, unha coprodución da compañía Butaca Zero co Centro Dramático Nacional e a MIT de Ribadavia. Dirixida por Xavier Castiñeira, forman o elenco Mónica García, Jorge de Arcos, Anxo Outomuro, Lidia Veiga, Xurxo Cortázar e a propia Esther Carrodeguas. ‘Iribarne’ pasará nos próximos meses por Santiago, Pontevedra, O Barco, Vilagarcía, A Coruña, Lugo, Tomiño, Cangas, Narón e Ribadavia.

A orixe e significado dos topónimos galegos

No Diario Cultural aprendemos a orixe e significado de palabras con Antón Santamarina, un dos máis importantes lingüistas de Galicia. A Real Academia Galega ofrece na súa canle de YouTube unha nova tempada da serie audiovisual ‘O seminario de onomástica responde’. Coas novas gravacións en vídeo son xa máis de 45 os episodios subidos á rede cos que podemos facer un percorrido por todo o país a través da pegada da lingua no territorio. Son palabras que empregamos na nosa vida cotiá e, en moitos casos, descoñecemos a súa orixe e verdadeiro significado. Os lingüistas arroxan luz sobre a toponimia e descubrimos que hai detrás de palabras como Orzán ou Balaídos.

A pegada de Pablo Picasso na Coruña

A Escola de Arte e Superior de Deseño da Coruña leva o nome de Pablo Picasso, que estudou tres cursos nesta institución, entre 1892 e 1895. Tras a celebración do Ano Picasso, a escola incorpora unha exposición permanente que recupera esculturas e láminas que o artista reproduciu durante a súa etapa coruñesa e facsímiles da súa documentación académica. A exposición reivindica a importancia da estadía coruñesa na obra de Picasso e mostra a evolución das ensinanzas artísticas. “Conservouse toda a documentación académica de Picasso, as súas calificacións, as probas de exame e a lista dos seus compañeiros de clase”, asegura Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.

‘Feelings’, de Janet Novás

A artista Janet Novás protagoniza a performance ‘Feelings’ na Fundación Luis Seoane da Coruña. Janet Novás é un nome de referencia na danza contemporánea e, ademais, está na lista de aspirantes aos Premios Goya que se van entregar en Valladolid o 10 de febreiro. O seu traballo como protagonista no filme ‘O Corno’, de Jaione Camborda, deu un xiro inesperado a súa carreira artística. O seu traballo sorprendeu a todos os espectadores, pola profundidade da súa personaxe María, unha mariscadora da Illa de Arousa. Neste Diario Cultural entrevistamos a Janet Novás e facemos un percorrido ao longo da súa traxectoria artística. “Unha das primeiras veces que bailei sentín un ‘subidón’ de emocións, namoreime dese momento e, a día de hoxe, sigo buscando sentir o mesmo en cada obra”, explica a artista nas ondas da Radio Galega.

“Quixen escribir unha novela sobre a violencia, ambientada no rural, que transcorrese como un trebón”

Conversamos con Manuel Veiga Taboada, o autor da novela Perder as bestas, publicada por Xerais en 2023. 120 páxinas que nos mergullan na violenta peripecia dunha contrapartida, grupos organizados polo réxime para combater as partidas guerrilleiras, facéndose pasar por elas e sementando o terror entre a poboación.

‘As mellores películas da historia’, no Teatro Colón da Coruña

Os grandes clásicos da historia do cine proxéctanse, en versión orixinal, no Teatro Colón da Coruña, con convidados de excepción que comentarán os filmes. Nos coloquios participan cineastas e escritores como Elvira Lindo, Paco Plaza ou Jaione Camborda, recente Concha de Ouro e directora de ‘O Corno’. No Diario Cultural entrevistamos a Javier Trigales, coordinador deste ciclo de cinema. Entre os filmes están ‘O apartamento’, ‘Ao final da escapada’, ‘Cidadán Kane’, ‘O piano’, ‘O espírito da colmea’ ou ‘Psicose’.

Pin It on Pinterest