Beli Martínez

Colaboradora sobre audiovisual galego.
Doutora en Comunicación Audiovisual é docente na Universidade de Vigo e no IES Audiovisual de Vigo. A súa carreira como produtora inclúe as longametraxes Arraianos de Eloy Enciso, Vikingland de Xurxo Chirro e Jet Lag de Eloy Domínguez Serén e proxectos como Cinema e Muller, que visibiliza o traballo das cineastas galegas ou Proxecto Socheo. Colabora como programadora e no deseño de actividades nos festivais de cine Play Doc e Curtocircuíto.

Programa especial do Festival Curtocircuíto, en Compostela

Programa especial do Festival Curtocircuíto, en Compostela. A nosa experta en audiovisual galego, Beli Martínez, estivo connosco nesta edición do Diario Cultural.

Laura Huertas Millán é protagonista da sección Púlsar e tamén membro do xurado. Laura é artista e cineasta franco-colombiana. As súas películas mesturan a etnografía, a ecoloxía e a ficción, narrando diferentes estratexias de supervivencia, de resistencia e de resilencia contra a violencia. As súas obras foron presentadas en festivais de cine internacionais como o Viennale, Toronto, o New York Film Festival, Rotterdam, La Habana, FICValdivia ou Cinéma du Réel. Foron premiadas no festival de Locarno, FIDMarseille, Doclisboa e Videobrasil, entre outros.

Lúa Ribeira é membro do xurado. No 2010 estudou Deseño Gráfico en Barcelona, onde descubriu a fotografía. No 2012, mudouse ao Reino Unido e matriculouse nun curso de Fotografía Documental. A súa práctica, caracterizada pola natureza colaborativa, é o resultado dunha investigación e unha aproximación inmersiva para afondar neste tema. Lúa foi galardoada co Firecracker Grant no 2015, o Magnum Graduate Photographers e co Jerwood Photoworks Award. A súa serie Noises in the Blood, sobre a cultura dancehall xamaicana no Reino Unido, foi publicada en forma de libro por Fishbar no 2017. A súa serie tamén foi publicada no libro Firecrackers, Female Photographers Now (2017). Lúa Ribeira converteuse en membro nomeado da Axencia Magnum no 2018.

Pin It on Pinterest