Foi a gran sorpresa das candidaturas dos María Casares, cun total de 7. É o espectáculo que máis colleitou e tamén un dos que máis desapercibido pasou ata o momento. Esta pasada fin de semana presentouse nun ateigado auditorio do Concello de Vigo e foi acollido por un prolongado e emocionado aplauso do público.
Trátase da ópera prima dunha directora de escena, Tamara Canosa, que demostra unha gran destreza tanto na definición do motor dramatúrxico coma na adaptación dun texto que rezuma vida, emoción e atracción, dende o corpo e a voz de tres grandes actrices (unha delas, Lucía Aldao, tamén intérprete musical en directo). Liberto, de Marelas, é un espectáculo que dende a sinxeleza é quen de amosar a potencia dunha historia común e actual sen adubíos innecesarios, cunha magnífica iluminación de Coti Faro, entre o espazo referencial do mundo hospitalario e as circunstancias emocionais da personaxe protagonista.
O espectáculo ten moito interese para todo tipo de públicos, pode acompañarse dun proxecto pedagóxico de moita utilidade para as aulas de secundaria e refrenda o atino do bo traballo en equipo arredor dun tema potente, sobre a desmitificación da maternidade e outros prexuízos sociais en torno ao amor e á vida ou a morte.