Balance escénico do ano 2019: Capítulo I

 

No derradeiro mes do ano, adicamos a colaboración semanal a facer un repaso do máis significativo e das repercusións que pode ter o balance da actividade escénica galega no novo ano.
Comezaremos por fitos importantes: a estrea a versión escénica de Fariña e a situación crítica do CDG.
Producida por Ainé, a empresa de Xosé A. Touriñán e con dirección de Tito Asorey, Fariña prometía ser un dos espectáculos do ano na temporada galega. Con xogo escénico, o espectáculo quere ser un equilibrio entre o humor popular e a sofisticación visual da escena contemporánea, con batería en directo, vídeoproxeccións e un coidado márketing ao seu redor que poida favorecer que se enchan os teatros. Unha explotación de fórmula exitosa, con bos actores (destaca a actriz Cris Iglesias pola variedade dos seus rexistros, claridade na dicción e precisión dos movementos), o tema do narcotráfico e a retranca galega.
Por outra banda, de novo o desacerto da Administración volve axitar as críticas do sector (e do público tamén, como usuarios dun servizo público que esmorece pola mala xestión). O recorte de orzamentos presentado no Parlamento para a compañía pública e o tempo tan dilatado no nomeamento dunha nova dirección despois da renuncia da anterior directora, Fefa Noia, déixanos un novo capítulo escuro para as artes escénicas galegas, cos silencios irresponsables de quen debe marcar o seu rumbo, a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).

 

Pin It on Pinterest

39 Shares
Share39
Tweet
Share