Publícanse os poemarios ‘Santa morte’ e ‘Minutos para a medianoite’

Na sección de poesía con Alba Cid falamos de novos poemarios da Editorial Galaxia: Santa Morte e Minutos para medianoite.

Santa Morte (Editorial Galaxia, 2019), é o novo poemario do poeta, narrador e guionista Manuel Darriba. Abríndose co paseo vespertino dunha muller nonaxenaria, o poemario explora certos límites e fendas para enfrontarnos ao paso do tempo, á Historia e ao Real con maiúsculas, ao dicible, a todo aquilo que criamos coñecer. Como acontecía no poemario precedente, Os indios deixaron os verdes prados (2010), o volume repousa nas imaxes e metáforas, así como nun efectivo modo de perfilar escenas entre o cotiá e o onírico, entre a consistencia e a inconsistencia de todo. Un poemario contido, tan reflexivo como desacougante, capaz de colocarnos nunha zona de penumbra, cos sentidos espertos.

Minutos para medianoite (Editorial Galaxia, 2019) é un poemario da autoría conxunta de Xavier Queipo e Ramón Neto, dous autores galegos residentes en Bruxelas e inseridos no Collectif de poètes bruxellois. O limiar do divulgador científico lugués Xurxo Mariño abre o libro, descubríndonos a natureza poético-científica do volume e reivindicando o coñecemento científico como chave poética, que amplía a capacidade de goce e interrogación. Cunha arquitectura coidada e abondas notas a pé, o volume fai pé en certezas e misterios científicos para explorar poeticamente ondas e partículas, invasións celulares, glaciares ou vórtex plásticos. Unha achega singular e dual, en diálogo con múltiplos interrogantes dos nosos días.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share