Camiño de paixóns e Fuxir da Proxeria, dúas historias de amor e aventuras para este verán

Como remate das súas recomendacións lectoras de verán, Armando Requeixo proponnos achegarnos a dúas novelas acabadas de publicar: Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, e mais Fuxir de Proxeria, de ManuelBlanco Desar.

Camiño de paixóns (Galaxia) relata unha historia de aventuras e descubrimento interior que se desenvolve ao longo do Camiño de Santiago. Dúas mulleres, unha profesora galega e unha química xaponesa, coinciden peregrinando e ven nacer entre elas unha apaixonante historia de amor. Mais o seu namoramento vese ameazado por unha escura trama que apunta a unha seita suicida e unha tentativa de atentado de alcance internacional no que ambas as protagonistas acabarán por se ver atrapadas. Erotismo, acción e intriga definen esta novela de Carlos Meixide, de moi entretida lectura.

Fuxir de Proxeria (Fervenza) é unha distopía que nos traslada á Galiciade finais do século XXI, unha terra avellentada en extremo, onde os nacementos son escasísimos e os coidados da inmensa poboación anciá esgotan todos os recursos sociais. As poucas mozas e mozos deste territorio que moitos deron en chamar Proxeria vense obrigados a cumprir unha sorte de servizo social obrigatorio no que, durante anos, teñen que coidar varios anciáns como labor solidario para a comunidade, o que limita o seu natural desenvolvemento e convérteos nunha especie de serventes atados ás draconianas leis da xerontocracia do Senilatus ou Parlamento. Así as cousas, a parella de rapaces protagonista decide desafiar ese statu quo e idea unha fuxida ao estranxeiro na procura dunha vida liberada destes atumes.

Pin It on Pinterest

154 Shares
Share154
Tweet
Share