A colaboración desta semana de Montse Pena céntrase no libro Un de nós mente de Karen McManus, traducido por Moisés Barcia para Sushi Books.
O libro comeza nun instituto onde aparecen móbiles nas mochilas de cinco estudantes que non son deles. Isto dá pé a que un deles saia da sala morto, porque bebe unha misteriosa auga que lle dá unha misteriosa reacción alérxica.
Un dos grandes acertos da novela son os personaxes. Uns personaxes típicos do subxénero da novela de instituto (a raíña do baile, o atleta, a estudosa, o que cae mal por cotilla, o rebelde…), pero que non responderán totalmente a el, porque a autora nos achega a oportunidade de profundizar nas súas circunstancias e de entender por que se comportan así.
Outro dos grandes acertos da novela é que esta é unha obra que consegue que sigamos lendo e que non queiramos parar de facelo. Cada final de capítulo está pensado para que a lectora quede enganchada da historia, que se nos mostra como aditiva. Todos os personaxes teñen unha axenda oculta que teremos que aprender a manexar. A sorpresa, a necesidade de querer saber e de querer entender, son dous condimentos fundamentais da obra. A isto contribúe, sen dúbida, a variación de voces narrativas, dado que a autora vai empregando a primeira persoa para poñernos na pel de cada un dos protagonistas.
A novela é un bestseller que mestura o xénero negro e o texto de instituto, con prosa clara e fácil de ler, pero que pode axudar a gañar lectores e lectoras. Montse Pena tamén recomenda algunhas lecturas nesta mesma liña, como Rebeldes de Susan E. Hinton ou Anxos en tempos de chuvia de Miguel Vázquez Freire.