‘Commedia’ e ‘Invisibles’ triunfan nos Premios María Casares

Os XXIII Premios de Teatro María Casares entregáronse esta noite na Coruña. O espectáculo Commedia, de Contraproducións, obtivo tres galardóns: espectáculo, actor secundario e vestiario. Outros tres recoñecementos foron para Invisibles, de Redrum Teatro, por dirección, iluminación e adaptación-tradución.

A obra O servidor de dous amos, de Talía Teatro, conseguiu dous premios: maquillaxe e actriz secundaria. Outros dous galardóns foron para Casa O Rei, de Ibuprofeno, por actor protagonista e música orixinal. Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, acadou outros dous: actriz protagonista e mellor texto orixinal.

Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, recibiu un recoñecemento por escenografía; e Patapatúm, de Elefante Elegante, un galardón por mellor espectáculo infantil.

Neste espazo cultural falamos con Marián Bañobre, directora de Invisibles; e con Cándido Pazó, director de Commedia.

“O teatro convida o público a xogar, a crer unha historia, unha emoción”, asegura Cándido Pazó.

“Este premio é das protagonistas da historia, ás mulleres que contaron a súa vida e experiencias para axudar a outras. Por elas e polas que xa non están para contalo”, conta Marián Bañobre, directora de Invisibles, unha peza sobre a violencia de xénero.

Pin It on Pinterest

71 Shares
Share71
Tweet
Share