A Universidade de Santiago de Compostela desenvolve esta semana o ciclo As mulleres dos mortos. Neste espazo cultural falamos coas investigadoras Inmaculada López Flores e con Olalla López-Costas
Que nos contan os mortos? As claves do pasado están baixo terra e, para descubrilas, adentrámonos no traballo que realizan estas investigadoras no seu día a día.
“Non recordo querer ser outra cousa, dende os trece anos tiña claro que quería dedicarme a isto”, asegura Olalla.
“Podemos analizar as enfermidades da poboación, a dieta, o traballo co gando e as migracións das persoas que vivían aquí antes ca nós”, engade a investigadora.
Este ciclo ten un dobre obxectivo, por un lado, ensinar como é o traballo diario neste oficio e, por outro lado, visibilizar un traballo realizado por unha maioría de mulleres, aínda que os postos máis representativos son ocupados por homes.