O vindeiro 2 de marzo celébranse os Premios Mestre Mateo, a gran gala do audiovisual galego. A actriz Mela Casal recibirá o Premio de Honra Fernando Rey pola súa gran traxectoria no mundo do teatro, o cine e a televisión.
Mela Casal é o rostro e a alma de mulleres como Celia Rey, a alcaldesa en Portozás en Mareas Vivas; Sofía, unha das viúvas do mar en A vida por diante; Socorrito, no programa do Luar; ou a nai de Sito Miñanco en Fariña.
“Estou encantada, é un recoñecemento que nin nos mellores soños esperas”, conta nas ondas da Radio Galega.
Mela Casal é unha das persoas que máis loitou polo noso audiovisual dende hai máis de trinta anos. A cultura galega non sería o mesmo sen ela.