Escoitámolo nas películas, na ficción e nas bandas sonoras. Pode que unha parte dos oíntes non se decaten, pero hai quen fica abraiado e pregúntase: que instrumento é ese? Así foi como Paulo Pascual Castro descubriu o theremín.
“É unha especie de caixiña con dúas antenas, que funcionan con dous campos electromagnéticos. Imos movendo a man e modulando o son”, explica o músico galego.
Paulo Pascual é o primeiro thereminista de Galicia en gravar un disco con este instrumento como protagonista. Este sábado podémolo ver en directo na Iguana de Vigo.