A exposición ‘Sonoro empeño’ representa a relación entre a pintura e a música con pezas de pintores como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, Xaime Quesada ou Luis Caruncho. Pintar os sons e transmitir con música unha obra plástica é a mensaxe que está presente ao longo desta mostra. Artistas como Kandinsky teorizaron sobre este tema e estableceron analoxías entre timbres sonoros e cores, así pode asociarse o verde co son do violín, o azul claro coa frauta e o azul escuro co violonchelo.
A mostra está dividida en catro seccións. A primeira delas é a sala de iconografía musical, que representa os músicos e os seus instrumentos. A segunda é a sinestesia que persegue a utopía de crear unha hibridación perfecta entre as dúas expresións artísticas. En terceiro lugar, o tema das festas e das danzas dende unha visión moi variada, dende as romarías ata a estética pop. A última das salas recrea a relación entre a música e a pintura dende unha visión máis particular: os ollos da infancia.