Queremos homenaxear ao inesquecible dramaturgo Gustavo Pernas falando da nova Dramaturxia galega. Dúas novas voces, Roi Vidal e Ernesto Is, entre as moitas e diversas que seguen a alimentar o teatro de noso, coa riqueza da lingua a engrandecer o palco, coa frescura dos novos formatos, con renovados compromisos dun teatro que nos observa e nos pon distintos espellos poéticos, sarcásticos e de longa perspectiva diante nosa.
Ernesto Is acaba de gañar o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña con ‘Despois das ondas’, unha peza composta con diversos documentos arredor da memoria da actriz María Casares, do seu tempo e da España refuxiada.
Con Roi Vidal presentamos a edición do Premio Abrente de 2017, ‘Poesía. Materiais para montar unha escena de cama’. Un xogo escénico que, tendo como base o desexo dunha parella de facer unha película porno, acabaremos acudindo a unha reflexión sobre o amor e as artes da representación escénica, con todas as súas posibilidades de mestura e goce.