O Festival de Cans recibe o Premio Cultura Galega 2018 na modalidade audiovisual, coincidindo coa celebración dos seus quince anos de historia. Neste espazo cultural falamos co seu director Alfonso Pato, quen se mostra moi agradecido coa acollida do festival e o asentamento do que goza na actualidade, xa que non é fácil “levantar un festival así cada ano”, explica no Diario Cultural.
O Festival de Cans rompe coas barreiras temporais e xeográficas. Hoxe chega a Ferrol no certame ‘Videoclips a Esgalla’ e mañá estará en Lisboa co proxecto ‘Cans itinerante’. A esencia do festival é visibilizar a produción propia de Galicia e aos creadores que traballan neste ámbito.