Esta fin de semana, a editorial Xerais entregou os seus premios anuais no Museo do Mar de Vigo. Os escritores Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville foron os protagonistas da xornada.
A autora galega Emma Pedreira gaña o premio Xerais de Novela 2018, coa súa obra ‘Besta do seu sangue’. O escritor Héctor Cajaraville recibiu o Premio Merín de Literatura Infantil co seu libro ‘Kasuma’, no que se fala de temas como o medio ambiente e a emigración.
Carlos Negro obtén o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil coa súa obra ‘Aplicación instantánea’. Un libro no que se fala das redes sociais e da diferenza entre as máscaras e a realidade. Un xogo de novas identidades dende unha perspectiva crítica.