Quico Cadaval presenta na Radio Galega a obra “Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena” que se estrea hoxe en Santiago. A peza teatral emprega recursos do mundo do circo para representar a realidade escrita no libro de Méndez Ferrín. Un feito que entusiasmou ao escritor polo seu vínculo familiar co mundo circense.
A obra fala das formas que ten o ser humano de enfrontarse aos medos, en concreto, da infancia. O director Quico Cadaval compara a peza teatral cunha viaxe ou un videoxogo. O público pode gozar da función ata o 20 de outubro, de xoves a sábado ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas.
Nesta edición de Diario Cultural da Radio Galega tamén houbo espazo para falar sobre a nova película “A sombra da lei”, dirixida por Dani de la Torre e protagonizada por Luis Tosar e Michelle Jenner.