Eva Mejuto traénos hoxe o libro ‘Os camiños de Dorothé’, un libro-disco que achega o público infantil ao cancioneiro de Antón Santamarina e Dorothé Schubarth, a etnomusicológa suíza finada a comezos do mes de setembro á que tanto lle debe a nosa tradición oral. ‘Os camiños de Dorothé’, impulsado por Sonsoles Penadique, e con ilustracións de Rocío Fernández Paz, está editado por Mialma Producióis Creativas e viaxará polo país a través do espectáculo ‘Café Dorothé’.
A segunda proposta de hoxe é o álbum informativo ‘Pícache a curiosidade?´, no que María Canosa e Ro Ledesma contan de maneira amena e visual como se fai un libro, como voan os avións ou onde vai a auga dos baños. Edítao Cumio.