Dicía Robert Capa que “a verdade é a mellor fotografía”. Unha frase e unha verdade que a maioría dos fotoxornalistas levan por bandeira cando percorren o mundo, cámara en man, contando as historias máis bonitas e as máis duras.
É o caso dos 40 fotoxornalistas que protagonizan a exposición ‘Creadores de conciencia’, que se inaugura esta tarde no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, e que se poderá ver ata o 29 de maio na sala Isaac Díaz Pardo.
O comisario da mostra, o tamén fotógrafo e editor Chema Conesa, fíxose unha pregunta no momento de montar esta exposición: pode unha fotografía crear conciencia? Estendémoslle esa mesma pregunta a Conesa e aos fotógrafos Gervasio Sánchez e José Cendón.