Marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a cidade de Alepo está dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército. Ao mesmo tempo en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia topa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.
Antón Riveiro Coello é o autor desta novela tecida a partir destas tres historias, unha novela envolvente, na liña do autor, escrita dende o interior de personaxes que atravesan o horror cos ollos abertos e buscan un exorcismo na loita, no exilio ou no compromiso solidario. Intentos deseperados de axustaren toda a dor á expectativa dunha reconstrución.