Tomar decisións sen distraerse. 5 cancións creadas en tempo presente para 5 fotografías. Porque arestora, máis ca nunca, tócanos estar presentes.
Hai tempo que admiro a creación poliédrica de Benxamín. A súa música e as súas fotos, con eses títulos esenciais no conceptual. A proposta para este proxecto foi escoller cinco das súas fotografías (con cadanseu título), fecharnos nun estudio e crear no momento presente a paisaxe sonora, a música para cada unha das súas imaxes.
O proceso deste EP é un acto creativo en acción, en tanto que cada escolla, cada nota, se apreixou desde a presenza na consciencia. Cada vez fascíname máis a vivencia de que a voz ou o teu instrumento sabe perfectamente o que quere comunicar, só hai que renderse.