“Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020” e os “60 días de alarma” de Ramón Leiro, expostas na Alameda de Pontevedra.
A mostra colectiva “Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020” recolle as 60 fotografías que concorreron a este certame, aínda que o protagonismo recae nas 15 fotos seleccionadas por un xurado especializado, por considerar que son as que mellor documentan o impacto e a pegada dunha situación que permanecerá para sempre na nosa memoria colectiva.
As 15 fotografías seleccionadas corresponden a veciños e veciñas de Pontevedra, con idades comprendidas entre os 9 e os 67 anos, e que achegan a súa mirada persoal sobre situacións comúns daqueles días insólitos, entre as que predominan paisaxes e rúas baleiras e xestos de ánimo e solidariedade.
No mesmo espazo e durante as mesmas datas, tamén se exhibe “60 días de alarma“, unha selección de 30 fotos do fotoxornalista Ramón Leiro, con quen falamos no programa de hoxe.