O Pórtico da Gloria volve abrir as súas portas despois dunha década de restauración e estudo. Meses e anos de moito traballo para frear o deterioro do paso do tempo. O resultado é unha xoia que recupera a policromía da obra de Mestre Mateo e, por tanto, o seu valor máis auténtico.
Dende hoxe, os visitantes poden desfrutar de visitas guiadas, máis longas e de pago porque “agora son visitas con valor engadido, cun carácter diferente”, explica Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral.
Neste espazo cultural falamos co experto en proxectos artísticos, Francisco Prado Vilar. “Foi curioso decatarse de que coñeciamos o Pórtico dende lonxe e coas cores apagadas”, explica. Neste proceso de recuperación da obra, os mesmos investigadores aseguran que descubriron moitas cousas que lles sorprenderon, así como máis datos sobre quen era o gran Mestre Mateo.