Que libros podemos regalar na noite de Reis?

Os libros son o mellor agasallo para a noite de Reis. Neste espazo cultural falamos con escritores galegos que, ademais, foron os protagonistas da literatura infantil e xuvenil durante o ano 2018. Eles son An Alfaya, Carlos Negro e Antía Yáñez.

An Alfaya gañou o Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña coa novela ‘O grupo’. Ademais, a obra ‘O home de negro’ é a súa publicación máis recente. “É unha novela sensorial e onírica que crea un mundo imaxinario onde as cores e o xogo lúdico son os protagonistas”, explica a escritora nas ondas da Radio Galega.

O poeta Carlos Negro acaba de gañar o premio Jules Verne por ‘Aplicación instantánea’. “Unha obra que fala dos tempos actuais onde a praza pública da xuventude está nas redes sociais”, asegura.

Neste faladoiro tamén contamos con Antía Yáñez, que no 2018 conseguiu o premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade coa obra ‘A reconquista’. “Comecei esta obra despois de ler unha noticia sobre uns profesores que dividían o patio do colexio entre os que xogaban ao fútbol e os que non. Recordei que era certo”.

Libros para soñar na noite máis máxica do ano.

Pin It on Pinterest

51 Shares
Share51
Tweet
Share