A Orquestra Vigo 430 aposta por un proxecto anovador no que mesturan a música clásica coa música actual de bandas como Coldplay, Queen ou Pink Floyd. Este venres día 14 actúan no Teatro AFundación de Vigo.
Neste Diario Cultual falamos con Andrea González, directora artística da formación, que se mostra moi ilusionada con esta iniciativa. “Creo nas sinerxias entre a música clásica e a actual. Este é un proxecto que nos define moi ben”. Tamén conversamos co director da orquesta, Carlos Rodríguez. Ambos coincidiron na importancia de romper as barreiras mentais e sorprender o publico co novo repertorio.
Os dous directores valoran que a maioría dos intérpretes son músicos que se formaron nos conservatorios galegos e que, ademais, a maioría son mulleres. “Este dato representa a realidade en Galicia e supón un gran progreso respecto ao noso pasado musical, no que temos moi poucas mulleres músicas”. A música esqueceu os nomes das mulleres ao longo da súa historia, pero esta orquestra loita por encher o baleiro.
O nome da orquestra ‘430’ fai referencia a un sistema de afinación clásico. No mundo musical enténdese como sinónimo de perfección, unha utopía cara á que sempre camiña esta formación musical.